A moda nos grandes museos de arte. Con Guillermo Solana, do Thyssen-Bornemisza

A exposición Con-fío en Galicia convértese na excusa perfecta para reflexionar sobre a relación da moda coa arte: o seu papel de fonte de inspiración para diferentes creacións, a súa conversión en obxecto artístico e, polo tanto, en elemento central do discurso expositivo, facendo habitual a súa presenza en grandes museos: desde o MoMA de Nova York ao Victoria & Albert de Londres ou o Thyssen-Bornemisza de Madrid.

No marco das Xornadas Académicas 'Con-fío en Galicia', Guillermo Solana, director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid, e Juan Gutiérrez, conservador das coleccións contemporáneas do Museo del Traje de Madrid, disertarán o vindeiro 7 de xuño sobre a moda nos grandes museos de arte. Así, abordarán os aspectos estéticos da moda e da creación, que implica unha reflexión sobre a cuestión das tendencias e a relación da moda coa historia da arte e coas  propias creacións artísticas, así como a cuestión da exposición de moda no museo ou nos espazos habitualmente dedicados á chamada “grande arte”.

Guillermo Solana abrirá a xornada cun relatorio sobre moda e arte, co Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid como exemplo. Mostras como a de Hubert de Givenchy no 2014 ou Vogue like a painting, do 2015, servirán de base para que Solana reflexione ao redor destes conceptos. Tras el, Juan Gutiérrez, dará unha charla baixo o título Entre o permanente e o efémero.