O Quinteto de Metais da Orquestra Sinfónica de Galicia abre o ciclo de Matinais Musicais de outono da Cidade da Cultura o 14 de novembro cun concerto no que rende homenaxe ao que foi o seu fundador, o solista de trompeta da OSG John Aigi Hurn, e á música do seu país natal, os Estados Unidos de América.
O repertorio inclúe a estrea de dúas obras novas encargadas pola Sinfónica de Galicia dentro do seu Proxecto 2020-2021 aos compositores Roberto Somoza e Nani García, referentes da música Jazz en Galicia e colaboradores de Aigi en numerosas ocasións. Ambas pezas exploran a variedade de rexistros expresivos dos instrumentos de metal.
Na obra de Nani García, The Trumpeter and the Sea, a marimba engade ao conxunto un particular son lírico que lembra o vaivén caprichoso do océano Atlántico. En Buddy Bolden Suite, Roberto Somoza incorpora o violín, a frauta, o clarinete e o fagot para lograr un son máis auténtico e próximo ás raíces do jazz e á música dun dos pioneiros da trompeta, Buddy Bolden, quen á súa vez fora inspiración para o fundador do Quinteto de Metais da OSG e para moitas xeracións de trompetistas en todo o mundo.
O programa deste primeiro concerto das Matinais Musicais no Gaiás incorpora tamén pezas clásicas para quinteto de metais, sempre cun pé no mundo do swing, o jazz e outros xéneros da música americana.
Descarga aquí o programa do concerto do Quinteto de metais da OSG.
PROGRAMA
- John Cheetham (1939). Scherzo
- Malcom Arnold (1921-2006). Quinteto de metais nº 1
- Leonard Bernstein (1917-1990). Dance suite
- Nani García (1955). The Trumpeter and the Sea
- Paul Nagle (1947). Jive for Five
- Roberto Somoza. Buddy Bolden Suite
QUINTETO DE METAIS DA OSG
- Nicolás Gómez Naval, trompa
- Alejandro Vázquez Lamela, trompeta
- Víctor Vilariño, trompeta
- Jon Etterbeek, trombón
- Jesper Boile Nielsen, tuba
- Carolina Cygan, violín
- María José Ortuño, frauta
- Juan Ferrer, clarinete
- Steve Harriswangler, fagot
- Alejandro Sanz Redondo, marimba
| 3.25 MB |



