Este mes de setembro regresan as Matinais Musicais á Cidade da Cultura. A programación de outono 2022 tráenos tres concertos de estilos diversos para gozar nas mañás dos domingos cos que viaxaremos de Xapón a Galicia, experimentaremos a calma a través da música e exploraremos novas sonoridades creadas por compositoras e compositores contemporáneos.
Comezamos o 25 de setembro con Aruku – Camiñar, un proxecto que trae a Galicia a Ryōko Aoki, artista internacional especializada no canto do teatro Noh que porá a súa voz a un repertorio deseñado especialmente para celebrar o irmandamento das rutas de peregrinación do Camiño de Santiago e o Shikoku Henro xaponés. A intérprete estará acompañada ao piano por David Durán e Haruna Takebe neste concerto impulsado pola asociación KYŌDŌ a través do programa "O teu Xacobeo" da Xunta de Galicia, coa colaboración da Fundación Japón e Yamaha.
No mes de outubro será Lucía Martínez Cuarteto quen poña banda sonora ás matinais con Calma e algo máis. A compositora e multi-instrumentista galega, que sobresae como unha das principais percusionistas de jazz do país, propón para a mañá do 23 de outubro un repertorio que convida a pechar os ollos, a respirar e contar ata dez poñendo o foco no momento presente.
As Matinais Musicais de outono 2022 rematan o 27 de novembro con Sobre a noite, título baixo o cal a agrupación Arxis Ensemble traza un percorrido en en cinco etapas para achegarnos á comprensión da música de vangarda. Cinco pezas nas que o son dos instrumentos parece conxelarse, facerse tanxible e visible, confundindo o ollo co oído.
As entradas para cada concerto poden adquirirse en Ataquilla.com. Preme sobre cada unha das imaxes de arriba para acceder directamente á compra. Nos enlaces de abaixo, poderás consultar información ao detalle sobre cada concerto.
- 25 SET | ARUKU - CAMIÑAR. Ryōko Aoki, David Durán e Haruna Takebe
- 23 OUT | CALMA E ALGO MÁIS. Lucía Martínez Cuarteto
- 27 NOV | SOBRE A NOITE. Arxis Ensemble
Descarga AQUÍ o programa de man das Matinais Musicais - Outono 2022
Matinais Musicais infantís - Corresponsables no Gaiás
Co obxectivo de favorecer a conciliación das nais e pais que asisten ás Matinais Musicais, a Cidade da Cultura promove unha serie de actividades lúdicas e didácticas, dirixidas a nenas e nenos de 5 a 10 anos de idade e de carácter gratuíto, nas que a cativada poderá coñecer, a través do xogo, diferentes aspectos relacionados coa música que se escoitará en cada un dos concertos do ciclo. Desta maneira, procúrase que as pequenas e pequenos coñezan outras músicas e tamén contribuír a que desenvolvan intereses culturais comúns coas súas familias.
Máis información e reservas AQUÍ.
