Matinais Musicais | Lucía Martínez Cuarteto

A compositora e multi-instrumentista viguesa Lucía Martínez chega ao Gaiás para presentarnos o seu último traballo acompañada por tres músicos e amigos —João Pedro Brandão, Pedro Neves y Carl Minnemann— cos que forma o Lucía Martínez Cuarteto, un proxecto froito da amizade nacido na escola de Jazz no Porto hai máis de 12 anos.

O repertorio que interpretarán nas Matinais Musicais de outono, reunido baixo o título Calma e algo máis, é unha homenaxe ao momento presente, un convite a pechar os ollos e a respirar, buscando ese sosego que enche a vida de luz.

Oito pezas orixinais que beben de músicas moi diversas, as mesmas que Lucía Martínez vén explorando ao longo da súa traxectoria: folk, música clásica, flamenco, world-music e, por suposto, jazz, entre outras moitas.

O concerto será no auditorio do Edificio Fontán o domingo 23 de outubro ás 12 horas. As entradas poden adquirirse en Ataquilla a un prezo de 5 € (+gastos de xestión).

Logo de dous álbums editados —«Soños e delirios» (Karonte/Nuba Records, 2009) e «De viento y sal» (Karonte, 2014)— e a participación en numerosos festivais nacionais e internacionais, Lucía Martínez Cuarteto trae á Cidade da Cultura o seu novo repertorio 2021-22, un traballo que os sitúa como unha proposta madura e aberta tanto aos escenarios de jazz como da música contemporánea e novas músicas.

Programa

  • Hospital de objetos rotos
  • Para llegar
  • Calma
  • Historia del azufaifo
  • Ojitos de mar
  • Esperanza
  • Nana
  • Perto do 177 rúa de Moreira Porto


Intérpretes

  • Lucía Martínez – Batería, percusión, electrónica e composición
  • João Pedro Brandão – Saxo alto e frauta traveseira
  • Pedro Neves – Piano
  • Carl Minnemann – Contrabaixo

 Fotografía: © Alba García

Descarga AQUÍ o programa de man das Matinais Musicais - Outono 2022

Matinais Musicais infantís - Corresponsables no Gaiás

Co obxectivo de favorecer a conciliación das nais e pais que asisten ás Matinais Musicais, a Cidade da Cultura promove unha serie de actividades lúdicas e didácticas, de carácter gratuíto, nas que a cativada poderá coñecer, a través do xogo, diferentes aspectos relacionados coa música que se escoitará en cada un dos concertos do ciclo. Desta maneira, procúrase que as pequenas e pequenos coñezan outras músicas e tamén contribuír a que desenvolvan intereses culturais comúns coas súas familias. 

As Matinais Musicais infantís está dirixidas a nenas e nenos de 5 a 10 anos de idade e darán comezo ás 11:30 horas, finalizando 15 minutos despois de que remate cada actuación.

Máis información e reserva de praza AQUÍ.