No marco das Xornadas Académicas 'Con-fío en Galicia', o Museo Centro Gaiás acolle o vindeiro 9 de xuño unha Master Class sobre fotografía e moda a cargo de Manuel Outumuro, un dos fotográfos artísticos máis recoñecidos do noso país.
As súas fotografías de moda constitúen un documento único que reflexa boa parte da historia da moda nestes últimos vinte anos. Ademais de ser creador da imaxe gráfica e comunicación visual de grandes deseñadores de moda, como fotógrafo publicou en revistas internacionais como Vogue, Elle ou Zest e españolas como Fotogramas, Telva, Woman, Elle, Marie Claire, ademais de colaborar en xornais nacionais como El País ou La Vangurardia.
Por diante da súa cámara tamén pasaron, e seguen pasando, case todos os actores, actrices e directores do noso cine, así como un gran número de personalidades de diferentes ámbitos culturais.
Manuel Outumuro foi galardonado en varias edicións cos premios Lux de Oro da Asociación de Fotógrafos Profesionales e recibiu varios Laus de Oro. Foi distinguido co premio ARI como mellor fotógrafo do ano 2002 outorgado pola Asociación de Editores de Revistas de Información. E o seu estudo de Barcelona recibiu o Premio ACCA 2002 (Associació de Crítics d’Art de Catalunya) á iniciativa privada da recuperación do patrimonio.





