Magostos no Gaiás. Susana Seivane en concerto

Para abrir a primeira cita dos Magostos no Gaiás 2017 contaremos cun dos apelidos con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas de Galicia, Seivane.

Susana Seivane, á que lle precede á sona da súa depurada técnica, saca da gaita un estilo xenuíno que, lonxe de perder de vista o aire enxebre dos antigos gaiteiros, ábreo ás influencias doutras músicas. A música tradicional acada nas súas actuacións un enfoque fresco e orixinal. Unha mestura áxil e moderna que afonda a súa raizame no máis profundo da tradición galega, deixando arrolar a súa ramaxe nos ventos dos novos tempos.

Ademais deste concerto, a castaña non pode faltar nun magosto pero, tras a boa acollida do ano pasado, volverá a estar presente dunha forma moi orixinal: a través da degustación de tres petiscos que a teñen como ingrediente principal e, coma sempre, grazas á colaboración da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia.