IX Encontro de Artistas Novos: #EAN9

A Cidade da Cultura de Galicia converterase por noveno ano consecutivo nun espazo de encontro no que creadores emerxentes terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea durante catro días de convivencia e intercambio de coñecementos e ideas con outros axentes culturais. Será no IX Encontro de Artistas Novos - #EAN9, coordinado por Rafael Doctor, que se celebrará do 25 ao 29 de agosto de 2019.

O EAN busca favorecer a convivencia entre artistas emerxentes galegos e procedentes doutros lugares, ademais de poñer en contacto aos participantes con outros axentes do sector como críticos, comisarios ou xornalistas. Unha edición máis, o EAN traerá ao Gaiás artistas e creadores xa consolidados como Pilar Albarracín, as irmás Lua e Bandía Ribeiro e Nicolás Combarro para compartir as súas experiencias e reflexións ao redor da arte.

Os participantes convivirán tamén con tres observadores ou art followers que, desde o eido curatorial ou do xornalismo cultural, apoian os novos creadores e procuran estar ao corrente das novidades do mundo da arte emerxente. Serán Javier Díaz-Guardiola, Eduardo Valiña e Semíramis González. Cada un dos participantes no EAN realizará unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

O IX Encontro de Artistas Novos conta cun total de corenta prazas ás que poden optar todos aqueles profesionais, galegos ou de fóra da comunidade, nados entre 1984 e 2001 –ambos inclusive– estudantes e licenciados en Belas Artes ou afíns e todos aqueles que demostren unha traxectoria ou proxecto artístico. Seguindo a senda iniciada no V EAN, dez das 40 prazas dispoñibles estarán abertas a artistas maiores de 35 anos, que deberán reunir os mesmos requisitos que os demais candidatos. Con esta proposta, o EAN busca formular un diálogo con artistas doutras xeracións nun proceso creativo aberto.

A consecución dunha praza no EAN inclúe matrícula de inscrición, estancia en réxime de pensión completa, transportes diarios desde Santiago ata a Cidade da Cultura e transportes para as visitas aos centros de arte. O IX Encontro de Artistas Novos está organizado pola Fundación Cidade da Cultura coa colaboración da Fundación Banco Sabadell.

Poden consultarse as bases da convocatoria, o procedemento e boletín de inscrición e as listaxes de admitidos no apartado de descargas ao pé desta mesma páxina. A documentación, así como calquera consulta sobre o procedemento deberá dirixirse ao email: encontro@cidadedacultura.org