Industrias Culturais e Creativas

A Cidade da Cultura de Galicia e a Cámara de Comercio de Santiago poñen en marcha o programa formativo “Creación e Consolidación de Industrias Culturais e Creativas”, destinado a fomentar a posta en marcha e consolidación das industrias culturais.

O curso, totalmente de balde, contará coa participación dun máximo de 25 proxectos relacionados coas industrias culturais. Está dirixido fundamentalmente a empresarios e responsables de pequenas empresas culturais e creativas de diversos sectores como a arte, teatro, música, danza, audiovisual, sector editorial, novas tecnoloxías ou deseño, e a emprendedores que conten cun proxecto cultural definido.

Este programa formativo conta cun total de 320 horas, das que o 15% terán lugar nunha aula da Biblioteca e o Arquivo de Galicia e o 85% restante en forma de titorías nas que cada participante recibirá asesoramento individualizado para levar a bo porto o seu negocio.

A metodoloxía do programa centrarase no papel da cultura na nova sociedade, polo que todos os participantes elaborarán unha presentación do Business Plan para un proxecto empresarial. Durante as oito semanas do curso, os titores expoñerán os contidos dos módulos foramtivos que versarán sobre administración da empresa cultural, marketing e comercialización, prevención de riscos laborais, calidade ambiental e igualdade de oportunidades, xestión financeira e económica e novas tecnoloxías da información e ferramentas informáticas.