Galiverso estrea unha nova experiencia de realidade virtual coincidindo coa grande eclipse total de sol que se pode ver en Galicia en agosto de 2026. No Galiverso explora o ceo únense realidade virtual, astronomía e historia nunha experiencia divulgativa, didáctica e atractiva para todos os públicos.
Así, a Cidade da Cultura convida a cidadanía a descubrir este verán unha fascinante viaxe de exploración espacial a través do seu espazo tecnolóxico de realidade virtual: un lugar onde se conxuga a vangarda dixital coa divulgación científica e o rico patrimonio astronómico e arqueolóxico de Galicia. A iniciativa compleméntase, ademais, cunha exposición onde achegarse ao ensino da astronomía en Galicia ao longo dos últimos séculos.
Dúas experiencias virtuais para tocar as estrelas
Galiverso explora o ceo ofrece ao público dúas modalidades de experiencia inmersiva diferentes e complementarias:
Explora o ceo: Esta travesía convida ao público a relaxarse mentres unha cápsula virtual o transporta por algúns dos ceos nocturnos máis puros de Galicia. Os participantes poderán visitar o Observatorio de Pena Trevinca —o primeiro destino Starlight de Galicia—, a casa natal do astrónomo Ramón María Aller Ulloa en Lalín, o maxestoso Dolmen de Axeitos ou experimentar o abraio do mar de ardora na praia de Louro, en Muros. A viaxe serve tamén como unha profunda ferramenta de concienciación ambiental fronte á ameaza da contaminación luminosa.
Experimenta a eclipse: Unha proposta altamente interactiva, desenvolvida en colaboración co Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC, onde as persoas usuarias se converten en parte activa da mecánica celeste. A través dunha visión de 360 graos, a experiencia permite interactuar e manipular o sistema Sol-Terra-Lúa desde o propio corazón do sistema solar e entender os movementos astronómicos, as forzas gravitacionais, e por que se producen os eclipses.
Así mesmo, o público poderá simular o vindeiro trío de eclipses desde diferentes localizacións xeográficas emblemáticas como Fisterra, a Torre de Hércules, Pena Trevinca ou a propia Cidade da Cultura.







