«Fronteirizas» | Camiño Escena Norte 2023

O Museo Centro Gaiás emprázase novamente como sede da clausura do ciclo Camiño Escena Norte, unha iniciativa que promove o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como fío condutor as rutas históricas do Camiño de Santiago. Desta volta, a Cidade da Cultura acolle a estrea galega de Fronteirizas, obra autoficcional da compañía cántabra Mari Paula Dance & Perfomance na que a bailarina, coreógrafa e xestora cultura brasileira Mari Paula aborda temas como a loita, o cansazo e a aceptación do fracaso.

A función será o día 22 de outubro ás 19:00 horas, con entrada de balde previa reserva en Ataquilla

Cunha estrutura narrativa non lineal, Fronteirizas albisca un futuro a partir de anacos rotos do pasado e pecha a triloxía antropófaga integrada por Retrópica (2017) e Devórate (2019). A peza rompe a coiraza da linguaxe e do corpo da performer para transportarnos nunha experiencia na que a danza se fusiona co texto, coa luz e coa experimentación sonora, creando imaxes dunha beleza cativadora cargadas de simbolismos e reflexións. O corpo como experimentación migrante, como representación estética que non pertence a un espazo concreto, movéndose entre as culturas de ambos lados do océano.

A quinta edición de Camiño Escena Norte ofrece un total de 15 espectáculos en xira en 57 sedes repartidas entre as cinco comunidades autónomas participantes: Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra.

Ficha técnica

  • Idea, performance e dirección: Mari Paula
  • Performance e proxecto sonoro: Jaime Peña JPEGr
  • Performance e proxecto lumínico: Carlos Molina - LumiereScene
  • Colaboración dramatúrxica: Luz Arcas, Aitana Cordero e Gustavo Bitencourt
  • Alter ego: Pablo Venero
  • Espazo escénico: Luis Crespo
  • Vídeo: Ricardo Kenji
  • Outras miradas: Flavia Mayans, Alexandra Mabes, Rebeca García Celdrán, Poliana Lima e Patricia Manrique
  • Fotos: Áureo Gómez e Anjana Guerras
  • Deseño gráfico: Evandro Prado
  • Comunicación: Marta Romero e Luisa Bonin
  • Distribución e xestión: Iñaki Díez
  • Produción: Mari Paula - Dance & Performance e LAS VIVAS Plataforma Iberoamericana de Danza