Escenas do cambio 2026

Escenas do cambio 2026 propón un programa no que latexan tres correntes interconectadas: o impulso do que persiste, o do que se revela e o que se reinventa. Revelesencia é o termo —entre revelación, efervescencia e esencia— co que Kirenia Martínez, directora artística do festival, define unha liña de programación que interrelaciona estes tres camiños a través das artes escénicas.

O festival de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura celebra a súa duodécima edición do 7 ao 10 de maio con 11 propostas escénicas transnacionais nas que conviven artistas e compañías de Galicia, Euskadi, Cataluña, Illas Baleares, Illas Canarias, Madrid e tamén de Alemaña, Bélxica, Brasil, Colombia, Cuba, Guinea Ecuatorial, México, Portugal e Lituania.

A programación constrúese como un diálogo transnacional entre prácticas que entenden a creación escénica como unha forma de coidado, de escoita e de recomposición do presente, na que teñen cabida os saberes ancestrais, as memorias dos territorios, os afectos, os corpos fóra da norma e as ecoloxías sensibles. 

As artes escénicas como territorio libre e cooperativo

O programa integra ata oito coproducións internacionais (El Vacío, La Cura, Fear:less, Hecatombe II, Arder Épica, Black Box, Horizontes Errantes, Entrecruzad@as), e tres a nivel nacional (52-Blau, Este himno llevará la palabra Euforia e La Calidesa). As obras con ADN galego non son alleas a esta tendencia, e así vemos a conexión Galicia-Euskadi-Navarra da compañía iXa, e a ligazón Galicia-Portugal na obra que Hugo Torres estrea co apoio do Centro Dramático Galego, Trigo Limpo (PT) e o FITEI do Porto.

Podes consultar o programa ao detalle en escenasdocambio.org ou facendo clic na imaxe.

 Web Escenas do cambio 2026

Escenas do cambio 2026 conta con 3 estreas absolutas: 52-Blau, da compañía iXa, na que participa o Centro Coreográfico Galego como co-produtora; Black Box. Unha saga épica, de Hugo Torres, e a última creación de La Intrusa, Este himno llevará la palabra euforia, coa que a compañía vasca celebra o seu 30 aniversario precisamente no festival.

Escenas do cambio será tamén onde veremos por primeira vez en España as producións internacionais Fear:less, da artista alemá Silke Z. e dúas co-producións cubano-colombianas de danza e gran formato: El Vacío y La Cura, que dirixe Julio César Iglesias Ungo cun elenco da Compañía Colombiana de Danza Contemporánea.

Juliana Reyes en Entrecruzad@as e a instalación escénica La Calidesa, de Société Mouffette abordan as soidades actuais nas súas propostas. En rescatar memorias, saberes antigos, pegadas humanas e máis que humanas e construír relatos á marxe da historia oficial afánanse Arder Épica (Cap. 1), do brasileiro Reinal Ribeiro, Hecatombe II - Movementos e rituais para a renovación do mundo, da artista colombiana de orixe indíxena Martha Hincapié Charry e Horizontes errantes, a peregrinación artística de Laura Aris e Jakob Jautz a través da Selva Negra e o Camiño de Santiago.

Ampliar públicos e experiencias

A relación cos públicos segue a traballarse nesta edición de Escenas do cambio a través do Comando Dramatúrxico, e amplíase con dous novos encontros de mediación vinculados ás pezas Arder Épica e Fear:less. Ambos buscan chamar a atención de audiencias —persoas maiores, mulleres de todas as idades— que non frecuentan habitualmente este tipo de espectáculos, facilitando unha aproximación accesible á creación contemporánea, e contribuíndo a ampliar públicos cunha mirada diversa e desde a experiencia directa e participativa.

O festival, organizado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, conta coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música – INAEM, a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Camões – Centro Cultural Português em Vigo, e o Goethe Institute.