O Calendario do libro e da lectura de Galicia para o ano 2022 sinala o 15 de outubro como Día das Escritoras. Para celebrar esta efeméride, a Biblioteca de Galicia organiza dous faladoiros, os días 13 e 14, con dúas autoras das nosas letras: Ánxela Gracián que presenta o poemario Paisaxes de pan, e Sica Romero, escritora novel que vén de publicar a novela Avelaíñas eléctricas.
XOVES 13 OUTUBRO - ÁNXELA GRACIÁN - Paisaxes de pan
Na tarde do xoves 13, unha escritora xa consagrada, Ánxela Gracián, presentará o seu último poemario, Paisaxes de pan, obra coa que nos leva á súa infancia no rural e a uns recordos que compartirá nesa charla co investigador e crítico Armando Requeixo.
Paisaxes de pan é unha autobiografía poética coa que autora regresa á súa infancia rural, tan paradisíaca como elexíaca, recuperada aquí como lugar de resistencia. Coa memoria como liña condutora, a aldea e a casa recíbena de novo porque, como dicía Baudelaire, “no fondo todos estamos determinados pola nenez”.
VENRES 14 OUTUBRO - SICA ROMERO - Avelaíñas eléctricas
O venres 14 será a quenda dunha unha escritora novel, Sica Romero, que vén de publicar hai escasos meses a súa novela Avelaíñas eléctricas. Unha primeira novela moi visual que tamén é a primeira obra no catálogo dunha nova editorial galega, Nêspera Editora. Xusto será a editora da novela, Vanesa Rodríguez, a que acompañe a Sica Romero na súa charla, que permitirá achegarnos a estes novos e emprendedores proxectos do mundo editorial galego con dúas mulleres como protagonistas. Doutra banda, falarán do proceso de edición da novela e das etapas polas que pasa ata que se publica, facendo fincapé na corrección estilística.
A obra trata con delicadeza e agarimo os distintos temas universais e ancestrais, como son: a violencia, o amor, a amizade, a responsabilidade, a ética, o sexo/a sexualidade, a discriminación, a diferenza, as drogas/as adiccións, etc. Temas presentes tamén nos poemas de Rosalía de Castro que introducen cada un dos capítulos de Avelaíñas eléctricas.
1 — 4 Set 2026
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 21 MAI


