O 12 de agosto sobes á Cidade da Cultura para observar a eclipse de sol? Isto é o que debes ter en conta:
O monte Gaiás atópase fóra da franxa de totalidade do eclipse. Malia todo, o grao de escurecemento do sol acadará na Cidade da Cultura o 99,97 % segundo a información oficial do Instituto Geográfico Nacional. A fermosa perspectiva do solpor que ofrece a aba oeste do monte convérteo nun espazo idóneo para observar este fenómeno desde a capital de Galicia. Atoparás toda a información e recomendacións para gozar da eclipse con seguridade na web https://eclipse.xunta.gal/.
Lembra protexer os teus ollos! Para observar a eclipse é imprescindible empregar lentes con certificación ISO 12312-2. Na praza central da Cidade da Cultura contaremos cun punto de reparto de lentes a partir das 18.30 horas e ata esgotar existencias.
Tras o momento de máxima ocultación do sol, comezará na praza central a actuación de GALICIAN ARMY, dentro do ciclo Atardecer no Gaiás. Alberto Prado e Sergio Vallejo fusionan synths afiados, estética retro e enerxía club. O dúo lugués presentará un set especial coincidindo co fenómeno astronómico do ano: electrónica con alma galega, que reúne remixes de Tanxugueiras, The Rapants ou Fillas de Casandra, pero onde non faltan temas propios nos que crean un universo sonoro que fusiona a tradición coa máquina. Consulta toda a información na web de Atardecer no Gaiás.
E ademais, no Museo Centro Gaiás podedes gozar desde xa e ata o vindeiro mes de xaneiro de Galiverso explora o ceo, unha proposta que reúne realidade virtual, astronomía e historia nunha experiencia divulgativa, didáctica e atractiva para todos os públicos que inclúe unha experiencia inmersiva e unha exposición para achegarse ao ensino da astronomía. Preme aquí para consultar máis información e reservar praza.
Precisamente na véspera da eclipse, o 11 de agosto, contaremos con visitas especiais a esta exposición, titulada Explorar o ceo. Aprender astronomía, guiadas por Fátima García Doval, directora do proxecto. Unha oportunidade única para descubrir en profundidade as historias, curiosidades e fitos científicos que agochan as pezas reunidas nesta mostra organizada en colaboración co Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) [Prazas esgotadas].







