Día dos Usuarios e das Usuarias das Bibliotecas

A Biblioteca de Galicia adianta ao venres 10 de xaneiro os festexos do Día dos Usuarios e Usuarias das Bibliotecas (efeméride celebrada o 11 de xaneiro). Con motivo deste día,  agasallaranse libros ás persoas que se acheguen entre ás 8 e ás 21 horas, contos e novelas tanto para a cativada como para os adultos.

Ademais, co gallo desta efeméride, o persoal técnico desta institución senlleira convida a todo o público interesado a participar nunha visita guiada polas instalacións e depósitos da cabeceira do sistema de bibliotecas galegas e do patrimonio documental da nosa comunidade.

O legado cultural deixado por Isaac Díaz Pardo, obras e gravados de Seoane, a biblioteca de Basilio Losada, as obras de Carlos Casares ou a máis completa cartografía de Galicia, incunables, mapas antigos, unha das mellores coleccións de facsímiles, prensa histórica, exemplares de toda canta obra se publica en galego ou por autores galegos... Ven coñecer en primeira persoa e dun xeito privilexiado o espazo, fondos e o traballo dun dos edificios máis icónicos da Cidade da Cultura.

A visita, de balde e sen necesidade de inscrición, terá lugar ás 12 horas. O punto de encontro será no mostrador de entrada da Biblioteca.