Co gallo da celebración do Día da tradución, a Biblioteca de Galicia resérvanos este xoves, 30 de setembro, unha xornada especial na que conversaremos sobre ese traballo fermoso que é o de levar dunha lingua á outra as palabras, os matices, e os sensos que cohabitan en cada texto e cos que nos achegamos á voz da persoa que escribe.
Promovida pola Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) en colaboración coa Xunta de Galicia, a sesión Contigo na distancia reúne dous tradutores galegos, Samuel Solleiro e Roi Vidal Ponte, nun faladoiro que nos conducirá polo día a día do seu labor, pola relación co texto e cos seus códigos, a distancia e a proximidade coa autora ou co autor.
Traducir un libro obriga a dialogar cunha persoa ausente só a partir duns trazos que deixou plasmados algunha vez, hai meses ou séculos, nun código máis fácil ou máis difícil de descodificar. O exercicio ten algo de fantasmal, coma unha especie de psicofonía ou de ouija, onde cómpre reconstruír a voz desa persoa a partir duns débiles sinais que chegan desde outro mundo. En efecto, nese traballo case nunca se ten oportunidade de traballar coa autora ou autor; agora ben, a relación que se establece con esta figura non sempre é a mesma.
Que marca a distancia no proceso da tradución? Que diferenza hai entre traducir alguén totalmente alleo á túa vida ou ao teu tempo e traducir o teu propio pai? Que importancia teñen os afectos no noso traballo? Que papel desempeña a morte?
Samuel Solleiro e Roi Vidal Ponte intentarán —e non lograrán— responder estas e outras preguntas nunha conversa a partir das súas traducións máis recentes: Noite fiel e virtuosa de Louise Glück en galego no caso de Solleiro e Doentes de Roberto Vidal Bolaño —pai do tradutor— en castelán no caso de Vidal Ponte.
Os tradutores
Samuel Solleiro (Tui, 1982)
É membro de AGPTI e tradutor profesional nos ámbitos audiovisual e literario. Traduciu libros de Louise Glück —o último, Winter Recipes from the Collective, está no prelo—, Mary W. Shelley, Marcel Schwob ou Raymond Radiguet, ademais de obras sobre cinema. É autor de varios libros; o último, O mundo dos vivos (2019), está en proceso de tradución a dúas linguas.
Roi Vidal Ponte (Compostela, 1982)
Dramaturgo, docente e investigador teatral. Á parte de Doentes, traduciu tamén para o galego textos dramáticos de Tennessee Williams e Iván Morales para a súa representación escénica. Entre os seus libros propios destacan Boisaca ou a divina desgraza (2019), As máscaras brancas (2019) ou Fóra de portas (2013), a biografía do seu pai, Roberto Vidal Bolaño.
