Delas Fest | Mulleres e cultura urbana

A Cidade da Cultura de Galicia acolle a celebración de Mulleres e cultura urbana, unha xornada con faladoiros, mesa redonda e jam artística organizada por 7H Cooperativa, dentro do Fondo Xacobeo 2021 da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta. Trátase dunha xornada encadrada dentro do II Delas Fest, festival feminista de arte urbana e contextual, que se celebra na comarca de Santiago de Compostela entre o 24  de  agosto  e  o  20  de  setembro  de 2020.

Mulleres e cultura urbana combina sesións de análise e debate arredor da situación da cultura urbana galega en clave de xénero cun encontro de improvisación creativa co que se quere pór en valor a riqueza da cultura urbana feita por mulleres en Galicia.

Deste xeito, esta xornada ten como obxectivos:

  • Propiciar a difusión de creacións culturais e artísticas ligadas á cultura urbana en Galicia.
  • Darlle visibilidade á presenza da muller na cultura urbana e analizar de xeito colectivo as desigualdades de xénero presentes neste sector.
A xornada divídese en dous tipos de módulos/enfoques que se complementan, un de carácter teórico e formativo (Auditorio CINC) e outro orientado á creación experimental e cun espírito máis lúdico (Xardín do Teatro).
 

Xornada de mañá || Auditorio CINC || Inscricións AQUÍ

 


  • 10:15 a 11:15 h. O espazo público como espazo político, por Lina Castellanos.  
  • 11:20 a 12.20 h. A arte urbana desde o colectivo e contextual, por Lorena Arévalo.
  •  12:20 a 12:45 h. Pausa-café.
  • 12:45 a 14:00h.Mesa redonda.Mulleres e cultura urbana.Unha análise desde o feminismo con varias artistas profesionais do sector da cultura urbana de Galicia: Eva Comesaña, Festa, IRA, Iria Prol e Marcia Vázquez. Modera: Clara R. Cordeiro.
Neste bloque, a xornada procura  analizar colectivamente e con perspectiva crítica algunhas das temáticas apuntadas como fundamentais por profesionais da disciplina para acadar a igualdade. Entre eles, abordaranse os condicionantes-obstáculos que impón o xénero sobre o traballo artístico no espazo público; a necesidade de construír espazos de diálogo en rede e desde a sororidade; a loita colectiva contra as condicións de precariedade nas que, en moitas ocasións, se traballa en festivais e grandes citas do sector; o paternalismo e/ou a indiferenza coa que se continúa a xulgar as obras das mulleres creadoras da disciplina, etc. 
 

Xornada de tarde || Xardín do Teatro || Inscricións AQUÍ

 
 
17:00 a 19:30 h. Delas Jam, encontro de improvisación pictórica:
 
  • Carola Bagnato (Mar de Plata)
  • Festa (Compostela)
  • Ira (Compostela)
  • Killa.eK (Quito)
  • Porte (Compostela)
  • Sax (Vigo)
  • Shen Oner (Huesca)
  • Sphiza (Porto)


19:00 a 20:00 h. Clausura co concerto de High Paw 

 

Neste bloque, a xornada procura construír desde o lúdico espazos seguros para o diálogo e a creación experimental, nun contexto máis informal pero igualmente ideado desde a perspectiva de xénero, procurando fomentar o intercambio de experiencias, a creatividade colectiva e o espírito crítico. Para este fin, na sesión de tarde, celebrarase o encontro de improvisación pictórica Delas Jam  no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura, na procura de establecer un diálogo creativo co contexto. Dito encontro parte dunha convocatoria aberta na que se seleccionaron a oito artistas, tanto galegas coma doutras partes do mundo, para que realicen unha intervención artística libre empregando spray sobre un soporte de papel de celofán situado entre as árbores do Xardín do Teatro.

Ao seu carón habilitarase outro espazo para a participación aberta de mulleres e cativada, profesionais ou non, que queiran experimentar, de balde, coa arte urbana. Coma resultado ficarán varias intervencións artísticas colectivas e efémeras no Xardín do Teatro.

Coma colofón da xornada, a compositora e cantante viguesa High Paw, ofrecerá un concerto co seu persoal estilo de soul, reggae, roots, raggamuffin e letras feministas.

Xornada para rachar clixés 

Tanto desde o enfoque máis teórico e deliberativo como desde a perspectiva práctica, participativa e experimental, ambos os dous módulos pretenden ofrecer unha resposta coordinada a un discurso que: desdeña o rol das mulleres na cultura urbana, baixo a escusa da súa suposta inexistencia ou da igualmente falsa “menor calidade” das súas obras. Unha falacia que desde a organización denuncian que aínda é "dominante" nas instancias académicas dedicadas á investigación desta disciplina coma arraigada entre profesionais do sector.

A fin de achegar o evento a persoas que non poidan asistir presencialmente e ampliar a proxección pública e difusión do mesmo, toda a xornada será debidamente documentada audiovisualmente a fin de compartir os resultados dixitalmente, en streaming e con posterioridade.