Delas Jam | Concerto de High Paw

Na quenda da tarde de Mulleres e cultura urbana, a xornada procura construír desde o lúdico espazos seguros para o diálogo e a creación experimental, nun contexto máis informal pero igualmente ideado desde a perspectiva de xénero, procurando fomentar o intercambio de experiencias, a creatividade colectiva e o espírito crítico. Para este fin, na sesión de tarde, celebrarase o encontro de improvisación pictórica Delas Jam  no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura, na procura de establecer un diálogo creativo co contexto. Dito encontro parte dunha convocatoria aberta na que se seleccionaron a oito artistas, tanto galegas coma doutras partes do mundo, para que realicen unha intervención artística libre empregando spray sobre un soporte de papel de celofán situado entre as árbores do Xardín do Teatro.

Ao seu carón habilitarase outro espazo para a participación aberta de mulleres e cativada, profesionais ou non, que queiran experimentar, de balde, coa arte urbana. Coma resultado ficarán varias intervencións artísticas colectivas e efémeras no Xardín do Teatro.

Coma colofón da xornada, a compositora e cantante viguesa High Paw, ofrecerá un concerto co seu persoal estilo de soul, reggae, roots, raggamuffin e letras feministas.

17:00 a 19:30 h. Delas Jam, encontro de improvisación pictórica:

  • Carola Bagnato (Mar de Plata)
  • Festa (Compostela)
  • Ira (Compostela)
  • Killa.eK (Quito)
  • Porte (Compostela)
  • Sax (Vigo)
  • Shen Oner (Huesca)
  • Sphiza (Porto)

19:00 a 20:00 h. Clausura co concerto de High Paw