Cultura e responsabilidade social empresarial - 2012

A Cidade da Cultura pon en marcha a xornada “Cultura e responsabilidade social empresarial” co obxectivo de xerar un debate ao redor da oportunidade de impulsar o desenvolvemento cultural desde a responsabilidade social das empresas, involucrando os sectores público e privado, organizacións sociais e demais membros da contorna.

A responsabilidade social das empresas naceu dunha vertente filantrópica que respondía á arela empresarial de devolverlle á sociedade parte do beneficio obtido.

En realidade, a responsabilidade social empresarial enténdese integrada en toda a cadea de valor, como parte do modo de operar de entidades privadas e administracións públicas.

A produción cultural está vinculada á responsabilidade social empresarial en dúas vertentes. Por unha banda, o mecenado de empresas e institucións promove unha ampla actividade cultural, xa sexa como parte da súa acción social ou integrada na súa propia actividade. A outra vertente alude ao impacto social das manifestacións culturais como aliadas da inclusión social e do desenvolvemento social integral.

A responsabilidade social das empresas na actividade cultural inclúe aspectos tan relevantes como a accesibilidade a todos os colectivos, a conservación do patrimonio, a participación social creativa, o respecto polo contorno, a formación ou a difusión das tradicións culturais.

O Gaiás ofrécese, así como espazo de encontro entre directores de comunicación de empresas, directivos de institucións e industrias culturais e artistas, creadores e profesionais do mundo da cultura para analizar a situación actual do sector e establecer entre eles sinerxías e lazos de unión que posibiliten o desenvolvemento do panorama cultural galego.