Contornos e contornas

A experiencia da Cidade da Cultura en convivencia e irmandade entre programación cultural, emprendemento, tecnoloxía e intercambio social convértea no lugar axeitado para celebrar unha xornada como Contornos e contornas, que ten como cerna as posibilidades da arquitectura como axente condicionante das actividades humanas e os efectos que o espazo arquitectónico ten sobre o comportamento e benestar das persoas.

Nesta primeira edición, Contornos e contornas centra o seu obxecto de análise nos recintos educativos, coa intención de que, a través dunha aproximación atenta e detida, se acade un clima de reflexión conxunta entre profesionais da arquitectura e as ciencias sociais. Dúas disciplinas chamadas a entenderse e que evidencian, en máis dunha ocasión, que están máis desconectadas entre si do que deberan.

Fronte esta situación, a xornada procura crear un espazo de debate sobre a necesidade de establecer unha complementariedade efectiva entre disciplinas, rexeitando o tradicional illamento metodolóxico entre arquitectos e profesionais do eido pedagóxico á hora de acometer os proxectos de escola.

PROGRAMA

  • 10h. Acto de apertura
  • 10.15h. Relatorio I. Percepción e cognición espacial en contextos urbanos, por Ricardo García Mira, catedrático de Psicoloxía Social na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (UDC), especializado en Psicoloxía Ambiental. 
  • Descanso
  • 12h. Relatorio II. Interpretación pedagóxica do espazo nos centros educativos, por Julia María Crespo Comesaña, doutora en Pedagoxía e profesora de Organización Escolar na Facultade de Ciencias da Educación na Universidade de Santiago de Compostela (USC). 
  •  Pausa ata a tarde**
  • 16h. Relatorio III. Lugares para ensinar e aprender, por Celestino García Braña, doutor arquitecto e mestre titular da Teoría da Arquitectura, na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (UDC). 
  • 17.30h. Debate cos tres relatores e o público.