Concerto didáctico co grupo Campo de Estrelas

A Biblioteca de Galicia celebra un novo concerto didáctico que consistirá nun paseo pola música do mundo a través dos instrumentos de corda: violín, viola, violoncelo e contrabaixo.

Intercalaranse charlas interactivas con pezas musicais nas que colaborarán nenos e nenas no escenario. Farase un recorrido explicativo polas cidades máis importantes da música en Europa: Viena, Salzburgo, Venecia, Cremona… e tamén se falará dos compositores: Mozart, Vivaldi, Beethoven, Haydn… interpretaranse as súas obras, contaranse anécdotas interesantes das súas vidas… establecerase un diálogo interactivo entre os participantes e os músicos.

Explicaranse as partes dos instrumentos de corda e toda a familia de corda frotada, mostraranse distintos tipos intrumentos de corda e instrumentos de percusión  para que o público os poida ver de cerca e tocar, dando unha clase colectiva para todo o público asistente, de forma moi lúdica e participativa.