Concerto da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra

O sábado 1 de decembro convidámoste a asistir ao concerto que ofrece a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra no Museo Centro Gaiás, dentro das actividades ao redor da exposición Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra.

O egrexio rianxeiro foi cantor, fundador, escenógrafo e presidente da coral pontevedresa, e con tal motivo, agora que o Museo Centro Gaiás exhibe por vez primeira en Galicia a icónica obra 'A derradeira leición do mestre' dentro da exposición Castelao maxistral— a Cidade da Cultura considera máis que axeitado ofrecer este recital gratuíto da formación, no que ademais poderás apreciar un dos nove panos deseñados polo propio Castelao para a Sociedade Polifónica Coral de Pontevedra.

A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra actuou por primeira vez en público o día 9 de abril de 1925 na igrexa conventual de San Francisco de Pontevedra. Nacía coa intención de reivindicar a brillante tradición musical de Galicia, a mans dun grupo de relevantes personalidades, entre elas Antón Losada Diéguez, Alfonso R. Castelao, Alexandre Bóveda, Antonio Blanco Porto ou Antonio Iglesias Vilarelle.

Desde aquel momento ata o día de hoxe, a coral suma preto dun milleiro de concertos, moitos deles fóra das nosas fronteiras. O seu repertorio céntrase en música medieval, polifonía dos séculos XVI e XVII, maiormente sacra e madrigais, e música popular harmonizada, sobre todo galega.

Ao longo destes máis de 90 anos, a coral foi dirixida por numerosos profesionais: Antonio Blanco Porto, Antonio Iglesias Vilarelle, Manuel Fernández Cayeiro, Agustín Bertomeu Salazar, José Antonio Sánchez Rodríguez, José Verea Montero, Marlene Armentero Cutiño, e na actualidade, Nanette Sánchez Ordaz desde o ano 2013. Entre outros galardóns, recibiu a Primeira Medalla de Prata da Cidade de Pontevedra e o Premio Cidade de Pontevedra 2000.

Pano ornamentado por Castelao

Para as súas actuacións, Alfonso R. Castelao  preparou un soberbio conxunto de panos. Para este recital, empregarase o que representa o Rei David, o monarca músico adoptado como emblema pola Coral. O pano de San David foi un dos empregados no primeiro concerto ofrecido con carácter autónomo pola Sociedad Coral Polifónica, celebrado no Teatro Principal de Pontevedra o 23 de marzo de 1926 co director Antonio Blanco Porto. O pano foi restaurado en dúas ocasións, a última no ano 2000. 

A directora, Nanette Sánchez Ordaz, é licenciada en música na especialidade de Dirección Coral, polo Instituto Superior de Arte da Habana, Cuba. Estudou coas mestras Alina Orraca e Digna Guerra, directoras prestixiosas de coros no país. Durante os seus estudos cantou no coro da Escola Nacional de Música da Habana, de que foi directora asistente, participando en numerosos concertos, festivais e concursos. Obtivo o Primeiro Premio como Directora de Coros no primeiro Concurso de Dirección Coral de la Asociación Hermanos Saíz, tamén na Habana. En Galicia fundou o Coro do Ilustre Colexio de Avogados de Vigo, con que se presenta en concertos por toda España, Portugal e Cuba. É profesora de Coros e Educación Auditiva e Vogal no Conservatorio Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra.

PROGRAMA

 

  • AVE VERUM CORPUS                                                  Wolfgang A. Mozart 1756-1791
  • CORAL Nº 63 PASION SEGÚN SAN MATEO  Johann Sebastian Bach 1685-1750
  • CORAL Nº 10 DE CANTATA 147                            Johann Sebastian Bach 1685-1750
  • LAUDATE DOMINUM K 339                                    Wolfgang A. Mozart 1756-1791
  • AVE VERUM CORPUS, OP. 2 Nº 1                          Edward Elgar 1857-1934
  • CANTIQUE DE JEAN RACINE                                 Gabriel Fauré 1845 - 1924
 
  • EN AVILA MIS OJOS                                                      Anónimo s. XV
  • MÁS VALE TROCAR                                                      Juan del Encina 1468 - 1529
  • AMATE, MI BEN MIO                                                   Luca Marenzio 1553-1599
  • MATONA MIA CARA                                                   Orlando di Lasso 1532 - 1594
 
  •  TRES CANTIGAS DE PONTEVEDRA                 Agustín Bertomeu 1929
  • OS ANXELIÑOS DA GRORIA                                   Antonio Iglesias Vilarelle 1891-1971
  • OS TEUS OLLOS                                                               José Castro Chané 1856-1917
  • SI VAS A SAN BENITIÑO                                             Antonio Blanco Porto 1890-1940
 

Solista Soprano: Pilar Baamonde Lusquiños
Directora: Nanette Sánchez Ordaz
Pianista:  Alejo Amoedo Portela