Comicamente | Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco, David Amor e Lucía Veiga

Se hai algo que se contaxia dun xeito máis rápido e moito máis doado que a covid-19 é a risa. Son ben coñecidos desde hai tempo os seus efectos terapéuticos: reduce o estrés, favorece a dixestión e incrementa a produción de anticorpos dun xeito totalmente natural.

Este verán, o ciclo Comicamente trae á Cidade da Cultura unha actuación de Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán e David Amor, con Lucía Veiga como mestra de cerimonias. Catro pesos pesados da comedia que ben seguro farán ecoar as gargalladas do público por todo o monte Gaiás. Será o domingo 29 de agosto na Praza Central, cunha sesión dobre: ás 19 e ás 22h, e as entradas para ambos pases xa están á venda, a un prezo de entre 15 e 20 € a través de ataquilla.com [ENTRADAS ESGOTADAS!].

Comicamente

Da man de Con tres pés, Ainé e Etiqueta Negra, Comicamente leva o humor a 12 concellos galegos desde finais de xullo a comezos de setembro. O proxecto, enmarcado na programación do Xacobeo 21-22, súmase ás iniciativas postas en marcha polo Goberno galego co obxectivo de contribuír á reactivación do sector cultural.

O ciclo arranca xa o 31 de xullo no Campo das Barcias do Carballiño, con Carlos Blanco, Carmen Méndez e David Perdomo. Xa o 6 de agosto, Carlos Blanco, Luis Piedrahita e Xosé A. Touriñán actuarán na ETEA de Vigo e, o 7, Carlos Blanco, Luis Piedrahita e Pepo Suevos farano no Parque da Xunqueira de Vilagarcía de Arousa.

Pola súa banda, Marita Martínez, Federico Pérez e Xosé A. Touriñán levarán o humor á praza Fonte de Ramos, en Sanxenxo o 13 de agosto. Na seguinte semana, o 20, a Alameda dos Remedios de Mondoñedo será o escenario para Celso Sanmartín, Ledicia Sola e Xosé A. Touriñán, mentres que o 21 a explanada do Recinto Feiral de Pontevedra o será para David Amor, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.

A finais de agosto, o 28, chegarán Carlos Blanco, Luis Piedrahita en Xosé A. Touriñán ao Parque de Bens da Coruña. David Amor, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán pechan as actuacións de agosto, na xornada do 29 na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, e abren as de setembro o día 3 no Paseo Fluvial de Lugo. Finalmente, o 4 de setembro será a quenda David Amor, Oswaldo Digón e Isi no auditorio ao aire libre de Lalín. O ciclo ten previsto tamén ofrecer unha función na cidade de Ourense, da que está pendente pechar a data.

 
Música & Escena
 
7 - 10 Mai 2026
Convocatoria pechada
Prazo de solicitudes ata 8 de marzo