Chick Corea & Stanley Clarke Duet

A Cidade da Cultura de Galicia ofrece a posibilidade de ver sobre un mesmo escenario a dous auténticos xenios do jazz: Chick Corea e Stanley Clarke. Creadores nos anos 70 de Return to Forever -unha das bandas máis determinantes do chamado jazz fusión, que incorporaba elementos do rock seguindo o camiño pioneiro marcado por Miles Davis-, Corea e Clarke reencóntrase de novo en formato dúo co espectáculo The songs of Return to Forever.

Ademais de dirixir os seus propios tríos e cuartetos, Chick Corea participou nalgunhas das bandas que deixaron unha pegada máis profunda no jazz moderno, como a de Miles Davis na época de Bitches Brew, Return to Forever oy Circle, conxunto coliderado co multiinstrumentista Anthony Braxton. Compuxo numerosas pezas convertidas en clásicas, como Spain, La fiesta e Windows, grabou decenas de discos e fixo unha contribución sobresainte á historia do jazz.

Stanley Clarke, gañador de varios premios Grammy e galardoado en 2006 co premio a toda unha carreira da revista Bass Player, é considerado un dos máis influentes baixistas eléctricos da historia do jazz. Cando se trasladou a Nova York desde a súa nativa Filadelfia en 1971, empezou tocando o contrabaixo con líderes recoñecidos como Pharoah Sanders, Horace Silver, Art Blakey, Gil Evans, Joe Henderson e Stan Getz. Moi cedo asociouse con Chick Corea para fundar Return to Forever e destapouse como un enérxico baixista. Durante a súa estancia na banda, Clarke publicou algúns discos pola súa conta, como a súa xoia School Days (1976). Entre os discos máis destacados da súa época post-RTF están If This Bass Could Only Talk (1988) e The Toys of Men (2007).