Biblioteca de Galicia | Día das persoas usuarias 2023

Un 11 de xaneiro de 2011 a Biblioteca de Galicia abriu as súas portas, converténdose no primeiro dos edificios da Cidade da Cultura de Galicia en ser inaugurado. Unha data significativa xa que tamén é na que se celebra o Día das usuarias e usuarios destas institucións, segundas casas para moitas e moitos lectores, opositores, investigadores e para unha comunidade variada e ecléctica que conformamos todas as persoas que incorporamos a biblioteca á feliz rutina das nosas vidas.

Por este motivo, a Biblioteca de Galicia festexa o día das súas e seus protagonistas ofrecéndolles a oportunidade excepcional de coñecer nunha visita guiada os recunchos e espazos non accesibles ao público desta institución gardiá de importante patrimonio cultural da nosa comunidade. A Biblioteca de Galicia atesoura incunables, mapas antigos, unha das mellores coleccións de facsímiles, prensa histórica, exemplares de toda canta obra se publica en galego ou por autoras e autores galegos... fondos de valor incalculable preservados en depósitos con tecnoloxía de última xeración, nun dos edificios con máis forza arquitectónica da Cidade da Cultura. 

Animámosvos a participar nesta visita guiada polo persoal técnico da Biblioteca de Galicia, con quendas ás 12.00 e 17.00 horas e de balde, reservando praza no enderezo bibliotecadegalicia@xunta.gal. Ademais, como agasallo ás súas usuarias e usuarios, todas as persoas que vos acheguedes entre as 9 e as 21 horas, recibiredes de regalo contos e novelas tanto para público adulto como para a cativada (ata esgotar existencias).