Audacia Emprende: consultoría e formación express

Concibido e deseñado para empredendores artísticos, Audacia Emprende ofrece a oportunidade de validar unha idea de negocio con especialistas na materia e tamén de recibir unha formación express especificamente centrada en artes e o emprendemento. A continuación podes consultar polo miúdo o programa e os relatores de Audacia Emprende:

VENRES 18 DE OUTUBRO

11h | A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia. A realidade do profesional artístico: Situación, Contexto e Boas Prácticas | Con Iria Vázquez, artista multidisciplinar docente e doutora en Belas Artes.

A Colectiva constitúese en 2016 como plataforma de representación e defensa dos dereitos e intereses dos e das artistas vinculadas a Galicia. Entre os seus fins principais está a promoción da arte contemporánea, a colaboración con outros colectivos e o reforzamento do tecido artístico e cultural. Esta charla daranos a coñecer o contexto, situación e valoración da e do artista a nivel nacional e internacional, iniciativas colectivas relevantes que tiveron lugar en Galicia, paradigmas, automatismos, modos de facer e concibir a arte e o traballo do artista que persisten e limitan o favorable desenvolvemento da súa profesión, que fai tan audaz, por outra parte, a súa realidade.

12:30h | VEGAP. Sociedade de xestión de dereitos para artistas plásticos | Con Javier Fuente, responsable do departamento de socios da VEGAP, organización sen ánimo de lucro para xestionar de maneira colectiva os dereitos de autor de artistas visuais.

O relatorio ten por obxecto introducir aos participantes no concepto de autor, os dereitos de autor, e a protección da propiedade intelectual da obra creada; así como definir os dereitos de explotación, reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación. Tamén se presentará o papel de VEGAP como entidade de xestión de dereitos de autor dos creadores visuais, e abordarase en que consiste a xestión colectiva de tales dereitos de acordo co establecido na Lei de Propiedade Intelectual.

16h | Novas aplicacións das habilidades artísticas e culturais no contorno dixital | Con Daniel Cerqueiro, un dos socios de Phottic, colaborador activo en Startup.gal e DesignThinking.gal.

Hai xente que opina que na nova economía dixital as humanidades e a creatividade non teñen cabida. En opinión de Daniel Cerqueiro, eses coñecementos e habilidades son e van ser máis importantes que nunca, e o novo mundo dixital trae moitas oportunidades. Nesta charla daranos exemplos de novos modelos de negocio e novos nichos de traballo que se apoian nesas habilidades humanísticas, e de como os traballadores da cultura e a arte poden sacar proveito.

17:30h | Artes dixitais. Instagram para artistas | Con María Yáñez, directora de Vinte, xornalista e consultora de comunicación para organizacións vencelladas co audiovisual como Portocabo ou a Academia Galega do Audiovisual.

A gran plataforma visual para os móbiles é unha excelente ferramenta para dar a coñecer o noso traballo. Pero como destacar entre tantos influen e contidos publicitarios? Como crear comunidade de xente interesada no que facemos? Como adaptar as nosas creacións á rede sen perder o que nos fai auténticos e orixinais? Nesta hora veremos como usar Instagram máis alá dun mero escaparate e facer desta rede un espazo de creación, de diálogo e tamén de negocio.

19h | SGAE. Sociedades de xestión de dereitos para música, audiovisual e teatro | Con Miguel Dieguez, avogado e director da zona Noroeste da SGAE (Galicia, Asturias e Cantabria).

Que se entende por obra? Como se determina a súa autoría? Cales son os dereitos que se protexen? Canto dura esta protección? Cando pasa a ser de dominio público? A todas estas preguntas daráselle resposta nesta formación express onde nos introduciremos no terreo dos Dereitos de autor e na súa protección como propiedade intelectual; cales son os tipos de entidades de xestión que existen; cal é a súa situación actual e os contornos dixitais son outros dos aspectos que se tocarán nesta actividade.

SÁBADO 19 DE OUTUBRO

11h | Artes dixitais. Instagram para artistas | Con María Yáñez, directora de Vinte, xornalista e consultora de comunicación para organizacións vencelladas co audiovisual como Portocabo ou a Academia Galega do Audiovisual.

A gran plataforma visual para os móbiles é unha excelente ferramenta para dar a coñecer o noso traballo. Pero como destacar entre tantos influen e contidos publicitarios? Como crear comunidade de xente interesada no que facemos? Como adaptar as nosas creacións á rede sen perder o que nos fai auténticos e orixinais? Nesta hora veremos como usar Instagram máis alá dun mero escaparate e facer desta rede un espazo de creación, de diálogo e tamén de negocio.

12:30h | Ferramentas e metodoloxía para vender servizos a distancia | Con Daniel Cerqueiro, un dos socios de Phottic, colaborador activo en Startup.gal e DesignThinking.gal.

A venda de calquera produto ou servizo é un camiño sempre complexo, xa que involucra a persoas que nunca somos fáciles de entender. Pero o que si que podemos facer é ter ben traballado o propio proceso da venda, analizando e optimizando as súas diferentes etapas, desde a análise de a quen imos vender ata o propio peche da venda. Nesta charla explicaremos ese proceso de venda a distancia tal e como o fan as empresas que traballan na nube, dando pautas e ferramentas para que calquera poida aplicalo ao seu día a día.

16h | Organización e presentación de proxectos para freelances | Con Ana Díaz, socia e directora de proxectos de Arela Comunicación Sostible.

Autoxestionar o tempo é unha gran vantaxe, pero tamén un reto no día a día para aproveitar mellor as horas e ser máis produtivas. Como profesional freelance é importante atopar unha metodoloxía de traballo para organizar as tarefas e os proxectos sen verse sobrepasada. Esta metodoloxía debe axudarnos tamén á conciliación da vida laboral e persoal. A xestión de proxectos, o control da rendibilidade ou a comunicación con clientes e colaboradores son puntos críticos para calquera freelance. Por sorte, a tecnoloxía pode axudarnos moito neste proceso: hai centos de ferramentas (de pago e de balde) para telo todo baixo control, pero é importante atopar a que se adapte á nosa forma de traballo para que sexa realmente unha axuda e non supoña un esforzo máis.

17:30h | Estratexias e actitudes para creadores e creativos. Cara a un novo mercado | Con David Barro, xestor cultural cunha ampla traxectoria que vai desde director xerente da Fundación Luis Seoane ao actual posto de director da Fundación DIDAC.

A xestión cultural e a creación deben ser un reto capaz de incorporar risco intelectual. Na produción cultural non se trata unicamente de innovar senón de traballar unha sorte de acupuntura. Cada caso de xestión é un texto ou unha imaxe que interpretar e traducir. De aí a importancia do deseño como ferramenta para a xestión cultural ou un proxecto creativo. Porque ante un mesmo software hai que procurar o impacto emocional, proxectarse sobre o traballo propio, singularizarse, buscar o persoal e subxectivo, para conseguir unha marca. No século XXI hai que preguntarse de novo que buscan as institucións cando financian proxectos culturais e que buscan as empresas, o que leva á necesidade de reinventarse continuamente. Porque a mellor maneira de protexer unha cultura é renovándoa e innovar a partir da creatividade é a mellor maneira de impulsar unha empresa ou institución.

19h | A arte de coñecerse, coaching para o emprendemento | Con Cintia Salido, fundadora de Camiñando Coaching, onde acompaña e guía a persoas que queren potenciar os seus talentos e desenvolver as súas habilidades.

Descubre cales son as túas aptitudes e a túa motivación para emprender con propósito. Cal é o valor que achegas? Analizaremos as claves de marcarse obxectivos dunha forma eficiente e como podes optimizar a xestión do teu tempo. Aprende a liderarte para liderar o teu proxecto.

 
Visitar
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
30 nov 2023 a 28 Abr 2024
Martes ás 17.00 horas
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h
6 Abril 2024
Ás 11.30 horas e ás 16.30 horas