Atlantic Emprende + Gaiás 2020

A V I S O   I M P O R T A N T E ! !

O faladoiro co vocalista de Suede, Brett Anderson, previsto para o arranque de Atlantic Emprende + Gaiás, queda aprazado. 

Estamos a traballar nunha nova data, que anunciaremos unha vez a situación sanitaria global motivada polo Covid-19 se normalice e nos permita levar a cabo o evento con todas as garantías de seguridade. O importe das entradas compradas a través da web oficial do festival www.atlanticfest.com será devolto de maneira automática, sen necesidade de facer ningunha solicitude, a partir do luns día 16 de marzo.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Na súa terceira edición, Atlantic Emprende + Gaiás volve propor un espazo de debate e aprendizaxe entre profesionais, emprendedores, estudantes e empresas da industria musical. O encontro ten como obxectivos o desenvolvemento de mercados, tanto para o sector musical como para aquelas empresas que busquen potenciar o seu negocio traballando coa música como ferramenta.

O evento ofrece a oportunidade de escoitar a figuras de primeiro nivel da escena nacional e internacional da industria musical que achegarán de primeira man as súas experiencias vitais e profesionais para servir de inspiración a estudantes, emprendedores e profesionais en activo.

CHARLAS E RELATORES

17h | JOHANN WALD, XORNALISTA E PRESENTADOR DA MTV 

Johann Wald, presentador –coñecido pola súa faceta como VJ á fronte da canle MTV España–, leva máis de 15 anos dedicado a entrevistar a artistas musicais do panorama independente internacional. Actualmente traballa producindo contido audiovisual para Radio Primavera Sound, co-presentando o programa Internacional oficial do festival, Sprung!, labor que compaxina coa súa paixón pola gastronomía, elaborando receitas no seu programa para Canal Cocina, Muy Johann.


18h |  ALBA BARNEDA, AXENCIA CANADA 
Creativos de nova xeración. O poder da imaxe na música ou a publicidade

Produtora creativa con sede en Barcelona e Londres, CANADA é moi coñecida polos seus traballos en videoclips musicais para artistas como Rosalía (os icónicos Malamente ou Pienso en tu mirá), C. Tangana, Bad Gyal ou Katy Perry; e spots publicitarios para clientes como Tinder, Mercedes Benz, Google, Uber ou Desigual. A participación de CANADA nun proxecto é sinónimo de innovación e ambición, aplicando un saber facer e un estilo propio que configuran o seu selo de calidade. Alba Barneda é directora de produción da axencia.

19h | JAVIER MARISCAL, DESEÑADOR
Sorprender, fascinar, convencer

Na década dos 80, Javier Mariscal realizou os seus primeiros traballos como interiorista (destaca o seu deseño para o bar Dúplex de Valencia) e deseñador de obxectos, que moi pronto lle valeron recoñecemento nacional e internacional. Entre os seus proxectos máis coñecidos atópase a mascota dos Xogos Olímpicos de Barcelona de 1992 –Cobi– e o filme Chico y Rita, un filme de animación dirixido xunto a Fernando Trueba, que foi candidato ao Oscar e gañador do premio Goya á mellor película de animación.

Podes consultar máis información e mercar xa a túa entrada en atlanticfest.com/emprende.