Gorxas, cornos e cristas preparadas para este especial Nadal! Chega o espectáculo máis rockeiro destas festas coa Gramola Gominola e o seu Aí vén o Apalpador! que promete pór a bailar a todo o Museo Centro Gaiás!
Non podedes perder esta tarde en familia a gozar das mellores cancións gramoleiras do Nadal. Vinde celebrar con cada baile, rir a gargalladas e corear os retrousos máis apegadizos! O público adulto gozará tanto como o miúdo cantando as cancións do “Apalpador” ou “Rap Metal do Nadal” e tamén os grandes éxitos que xa non poden faltar nun concerto da Gramola. Merca xa a túa entrada!
A Gramola Gominola
A Gramola Gominola é unha banda de auténtico Rock&Roll en galego para público miúdo composta por Paco Cerdeira (Pakolas), Paula Romero (De Vacas, banda de Guadi Galego), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (S4N7, Nebra, Wealman). O grupo naceu no ano 2015 e dende entón deron centos de concertos poñendo ao público en pé. Son Premio Martin Códax da Música 2018 de música infantil e teñen tres discos publicados coa Editorial Galaxia.

