6ª Xornada de bibliotecas públicas de Galicia 2024 | Conservar para nós. A conservación nas bibliotecas públicas

O salón 1 do edificio CINC acolle a 6ª Xornada de bibliotecas públicas de Galicia, promovida pola Dirección Xeral de Cultura, o 11 de novembro. Estas xornadas naceron xa hai 6 edicións coa vocación de servir de foro para a presentación e o debate entre especialistas de diferentes institucións sobre diversos aspectos de interese para mellorar a xestión das bibliotecas. Nesta edición a xornada pretende dirixir a atención á conservación baixo o título Conservar para nós. A conservación nas bibliotecas públicas.

A preservación e a conservación segue sendo un asunto pendente nas bibliotecas: milleiros de libros e documentos corren o risco de desaparecer pola autodestrución do papel, os malos usos ou as condicións ambientais nas que se almacenan. Para evitalo son necesarias directrices de traballo coordinadas, eficaces e eficientes.Tamén é preciso ter conciencia da importancia das actividades de preservación como garantía de permanencia e acceso ao noso patrimonio e fomentar o seu bo uso.

Nesta xornada abordaranse diversos aspectos referidos á recollida, elaboración e conservación dos diferentes materiais que constitúen a colección bibliográfica e documental dunha biblioteca, especialmente do fondo patrimonial, que constitúe o máis valioso das nosas coleccións. Pero tamén cómpre coñecer como manter as boas condicións ambientais das salas onde se alberga, e coñecer pautas para o mantemento dos edificios en condicións óptimas e como mellorar a súa situación. Ademais, durante a xornada terá lugar a entrega dos Premios á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2024.

AVISOS:

  • Prégase indicar na inscrición (no apartado 'observacións') a biblioteca coa que ten relación a persoa apuntada.
  • Para asistir á xornada de tarde deben inscribirse nun dos tres obradoiros programados (reservas na columna da dereita). [SÓ PARA PERSOAS INSCRITAS NA XORNADA]
 
Letras & Pensamento