No marco da 6ª Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia prográmase o obradoiro Enfrontarse ás emerxencias: é mellor ter un plan , impartido por Arsenio Sánchez Hernampérez.
Como evitar o mofo en libros e documentos danados pola auga? Os danos pola auga son habituais en bibliotecas e arquivos. Isto débese a que o papel é un material extraordinariamente hidrófilo e a celulosa absorbe rapidamente a auga líquida ou a humidade presente no aire. O problema que xera esta absorción pode chegar a ser moi grave. A auga provoca degradación química a longo prazo pero, sobre todo, favorece o desenvolvemento do biodeterioro. Por iso, en ambientes húmidos e, especialmente despois de incidentes causados por goteiras, vertidos e inundacións, é frecuente a aparición de mofo nos libros. Saber como actuar fronte a unha praga de microorganismos é sinxelo, só hai que seguir os pasos axeitados.
