100 anos da teoría xeral da relatividade de Einstein

A Cidade da Cultura conmemorará os 100 anos da teoría xeral da relatividade de Einstein coa presenza da figura feminina máis importante da física mundial: a profesora da Universidade de Harvard, Lisa Randall.

O Centro de Innovación Cultural (CINC) do Gaiás será o escenario deste encontro científico organizado polo físico e divulgador galego Jorge Mira e polo profesor de Física Teórica da USC José Edelstein, no que tamén intervirá o profesor Javier Mas Solé.

Investigadora sobre física de partículas e cosmoloxía, Lisa Randall pronunciará a partir das 20:15 horas a charla Universos ocultos: unha viaxe ás dimensións extras do cosmos. Considerada pola revista Time unha das cen persoas máis influentes na sección de ‘Científicos e Pensadores’, Randall foi a primeira muller en ocupar un posto no departamento de física da Universidade de Princeton e a primeira muller Físca Teórica no MIT e na Universidade de Harvard.

Como introdución á charla da profesora norteamericana, Javier Mas Solé, profesor titular de física teórica da USC, será o encargado de introducir a xornada coa charla Da mazá ao buraco de verme: 100 anos de Relatividade Xeral. Tras el, o seu compañeiro José Edelstein completará o tema con O universo de Einstein: do Big Bang aos buratos negros.