Manuel Gallego

Manuel Gallego combina a súa creación arquitectónica co traballo como profesor titular na Escola de Arquitectura da Coruña. A actividade docente constitúe unha das súas principais e recoñecidas influencias.

Premio Nacional de Arquitectura en 1997, Manuel Gallego está considerado como o máximo expoñente da arquitectura racional en España. Os seus edificios racionais concíbense como unha expresión escultural e crean o seu propio contorno, partindo de espazos abertos e conectando elementos de arquitectura e natureza.

Preocupado polo lugar como soporte da historia, Gallego adáptase ás circunstancias e asume diferentes roles en función das necesidades, así vai dende a autonomía da paisaxe (Instituto de Investigación de Compostela) ata o diálogo directo co territorio (Complexo Presidencial de Compostela), pasando polo ensaio intermedio dunha maior liberdade creadora (Museo de Arte Sacra da Colexiata de Santa María da Coruña).

  

Proposta para a Cidade da Cultura

 

O conxunto de lugares de investigación capaces de provocar a interacción e intercambio de ideas, de difundir e recoller información co obxectivo de producir e ampliar o produto cultural, debería ser unha estrutura aberta capaz de posibilitar esta actividade, receptora e xeradora de fluxos de información, actividade que se debe concentrar de forma cambiante en distintas zonas do conxunto.

A rotundidade e abstracción do complexo debe aproximarse a Santiago de xeito sensible. Debe encaixar no monte, na súa topografía, entendido como lugar concreto que impón as súas leis, que deben ser de concordancia e sensibilidade ao modelar o espazo, ao producir a arquitectura.

O Santiago histórico está localizado no outeiro de enfronte. Dende el descóbrese a súa presenza, asomándose con naturalidade tras o outeiro, que transforma a súa aba nun xardín en bancadas. Sobre ela destácanse dous camiños cubertos (mecanizados) que acompañan a un camiño con escaleiras en pedra. Camiños, case edificios pétreos, conformando pequenas prazas e miradoiros sinalarán e facilitarán o acceso peonil.

Na aba oeste cara a Santiago, gran fachada do conxunto, en bancadas con breixo, toxo, xesta, espiño con floración diversa en cor e época: vermellos, brancos, amarelos dominantes configurarán un gran tapiz multicolor.