A Xunta e Afundación levan a Vigo 'As miradas de Isaac' para difundir a figura de Díaz Pardo

Presentación de 'As miradas de Isaac' en Vigo
Santiago de Compostela, 06 de Setembro de 2021

A Xunta de Galicia e Afundación levan a Vigo As miradas de Isaac, a primeira grande exposición da Xunta de Galicia en homenaxe a Díaz Pardo despois do seu falecemento, en xaneiro de 2012.

Inaugurouse en novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para facela coincidir co centenario do seu nacemento (1920) e co obxecto de pór en valor o legado e as aportacións á cultura galega do impulsor da recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos, do Laboratorio de Formas, do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Galego da Información, de Ediciós do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros moitos proxectos relevantes. Durante os seis meses de exhibición na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela foi visitada por máis de 26.000 persoas.

De xuño a agosto realizou unha primeira itinerancia na sede de Afundación na Coruña, que elevou o número total de visitas por riba das 30.000 persoas. En Vigo poderá ser visitada dende a fin de setembro até o remate do mes de novembro. 

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, e o director–xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, deron a coñecer hoxe esta nova etapa do programa de itinerancias de As miradas de Isaac, nun acto ao que tamén asistiron a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, a coordinadora de Cultura de Afundación, Mª Teresa Cores, e os comisarios da mostra e fillos de Díaz Pardo, Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro. 

Anxo M. Lorenzo destacou que con esta exposición “a Xunta avanza no seu obxectivo de achegar a toda a cidadanía galega contidos producidos na Cidade da Cultura, impulsando un plan de itinerancias das súas exposicións e traballando para que o Gaiás opere como unha factoría de proxectos culturais que circulen por outros espazos da Comunidade”. 

Pola súa banda, o director-xerente de Afundación puxo en valor esta exposición, que “transcende o mero feito expositivo, dada a diversidade e multitude de elementos amosados e o carácter itinerante da iniciativa nas sedes de Afundación” e salientou o “privilexio de acoller a mostra en Vigo e contribuírmos, coa nosa participación neste proxecto, á difusión do coñecemento dunha figura esencial para o noso patrimonio cultural".

10 seccións, 500 pezas e unha videoinstalación

As miradas de Isaac contará en Vigo cunhas 500 pezas entre obras de arte, murais, cerámicas, carteis, publicacións e obxectos persoais coa pretensión de reflectir a inesgotable creatividade de Díaz Pardo, un personaxe imprescindible da cultura galega. A mostra mantén a estrutura en dez seccións, a través das que afonda en todo o seu periplo vital e profesional. Así na exposición en Vigo quedará reflectida a importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade, a infancia e mocidade en Compostela e a faciana de pintor, que deixou unha profunda pegada en todas as súas realizacións.

Do mesmo xeito, a mostra tamén se centra no contacto de Díaz Pardo co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica, o labor como escritor, as iniciativas empresariais, con Sargadelos como insignia, e as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Laboratorio de Formas ou o Instituto de Galego de Información. O relato expositivo non esquece o deseñador industrial que proxectou máquinas, porcelanas, mobles ou Ediciós do Castro, o editor imparable, e finalmente enxalza o recuperador –con Luis Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

A exposición en Vigo tamén incorpora como elemento vertebrador a videoinstalación realizada pola neta de Isaac Díaz Pardo, a fotógrafa e xornalista cultural Cecilia Díaz Betz. Esta peza audiovisual, realizada en colaboración co realizador Jordi Cussó, está creada a partir de materiais de arquivo, na que se propón un encontro co intelectual e artista, sendo el mesmo quen nos relata en primeira persoa a súa vida e obra. Unha forma radicalmente diferente de reivindicar e lembrar a súa figura, máis acorde coa súa propia visión vangardista, e coa se procura revivir o seu universo e o seu espírito sempre aberto, tanxencial e polifacético.

 
Anxo M. Lorenzo, secretario xeral de Cultura
 Xoán Díaz Arias de Castro
Pedro Otero Espinar
Presentación de As miradas de Isaac en Vigo