Romeo e Xulieta, con monicreques e a Real Filharmonía de Galicia

Santiago de Compostela, 27 de Marzo de 2015

A Cidade da Cultura pon en escena unha orixinal versión do Romeo e Xulieta de William Shakespeare interpretada pola Real Filharmonía de Galicia e monicreques de gran formato.

A Cidade da Cultura adiántase á celebración do Día Internacional da Danza poñendo en escena o sábado 25 de abril unha novidosa versión dunha das traxedias máis coñecidas e admiradas de todos os tempos, Romeo e Xulieta, a través do ballet composto polo ruso Sergei Prokofiev. 

A escenografía será a propia Real Filharmonía de Galicia, que interpretará quince pezas da música descritiva do ballet de Prokofiev mentres os monicreques se moven sobre o escenario, dándonos a cada momento a tensión dramática da escenas. Estamos ante unha obra moi visual onde a principal protagonista é a música e na que orquestra, actores e monicreques se interrelacionan ata formar unha unidade narrativa. 

O espectador asistirá a un torrente de sons e sensacións que empuxan aos monicreques a levar a cabo os actos máis nobles e os máis mezquinos propios desta historia de amor e desta historia sobre o absurdo dos conflitos sen resolver. 

Romeo e Xulieta está pensado para todos os públicos a partir de 9 anos e terá lugar o 25 de abril a partir das 19 horas no Museo Centro Gaiás. 

Descontos para familias e bonos 3x2

As entradas xa están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e en www.ataquilla.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión (6€ en billeteira o día do espectáculo). Para este espectáculo, a Cidade da Cultura conta con varias promocións que só poderán mercarse no Punto On ou a través do teléfono de Ataquilla 902 504 500: a entrada familiar (catro entradas por 15€) e o bono 3x2 (tres entradas por 10€).