Román Rodríguez gaba o talento do novos técnicos e deseñadores do sector da madeira

Santiago de Compostela, 07 de Xuño de 2017

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe a mostra Artesáns da madeira. As novas xeracións, na que se exhiben 33 prototipos de cadeiras creadas por alumnado de 11 centros con ciclos de FP da familia de Madeira, Moble e Cortiza, e das Escolas de Arte e Superior de Deseño de Galicia (EASD). A exposición, que se pode visitar no Museo Centro Gaiás ata este domingo, está vinculada á mostra Da árbore á cadeira, na que se poden atopar pezas dalgúns dos mellores arquitectos e deseñadores de mobles de Galicia.

Durante a súa intervención, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia puxo en valor o talento que xa demostran as novas xeracións de técnicos e deseñadores nun dos sectores estratéxicos básicos de Galicia: o da madeira. Segundo Román Rodríguez, “as pezas realizadas por estes alumnos reflicten a calidade da formación que están a recibir nos centros de FP e nas EASD”, unha alta cualificación que fai merecentes a estes prototipos “de ser incorporados á oferta expositiva deste Museo, que actúa a modo de lanzadeira destes proxectos”, salientou.

Neste contexto, fixo fincapé nos vínculos entre a FP –e, neste caso, os ciclos da familia da Madeira, Moble e Cortiza– coas necesidades dos sectores produtivos, como vía para incrementar a empregabilidade dos alumnos.

O Museo, un espazo aberto a toda a cidadanía

Así mesmo, tamén aproveitou a ocasión para lembrar os cinco anos de funcionamento do Museo Centro Gaiás, ao que definiu como “un espazo aberto a todos, como un faro que guía a acción cultural galega, dando visibilidade ao mellor das nosas expresións culturais e artísticas, pero tamén reafirmando aos novos valores, ás novas xeracións de profesionais”, remarcou.

Ademais do conselleiro, no acto tamén participaron a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; o comisario da exposición Da árbore á cadeira, Carlos Seoane; así como o profesor do CIFP Politécnico de Santiago, José Antonio Pose Rodríguez; e o alumno do CIFP Ferrolterra, Diego Bouzamayor García, en representación dos proxectos expostos. Tamén asistiu o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; así como unha vintena de alumnos e profesores participantes.

Centros das catro provincias

Un total de 11 centros educativos participan nesta pequena exposición que busca poñer en valor o talento dos nosos mozos e dar a coñecer o futuro do deseño industrial e do moble no noso país. Así, o visitante poderá admirar un total de 33 prototipos elaborados desde o CIFP Ferrolterra, o IES de Melide, o IES de Ortigueira, o CIFP Politécnico de Santiago, a EASD Mestre Mateo de Santiago, o CIFP Politécnico de Lugo, a EASD Antonio Faílde de Ourense, o IES Antón Losada Diéguez da Estrada, o CIFP A Xunqueira de Pontevedra, o IES de Salvaterra de Miño e o CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo.

A mostra conta con prototipos nos que se busca a comodidade a través do deseño como a Cadeira ergonómica do IES Melide ou o Conxunto de mesa, taburete e minitaburete do Club Deportivo Lugo do CIFP Politécnico de Lugo. Noutros casos, estamos ante xogos formais como a adaptación realizada no CIFP Politécnico de Santiago do Banco Mesa Café deseñado por Karolina Tylka de Beyond Studio; a Cadeira Barrera da EASD Mestre Mateo que busca reflexionar sobre a barreira que supón, como deseñador, saltar de deseñar produtos virtuais cos programas de 3D ou bosquexos a realizar un prototipo físico real; ou a Cadeira Pili do IES Antón Losada Diéguez, que xoga coa perspectiva e as formas escultóricas. A compoñente formal tamén predomina nos prototipos da EASD Antonio Faílde de Ourense mentres que a combinación da tradición e a innovación é o símbolo de identidade das tres pezas deseñadas polos alumnos CIFP A Xunqueira.

Artesáns da madeira: as novas xeracións pode visitarse ata o domingo no Museo Centro Gaiás de martes a domingo, en horario de 10 a 20 horas con entrada de balde.