A pola última xornada de MICAtlántica

Santiago de Compostela, 26 de Novembro de 2013

O concerto de Xoel López, a produción teatral de Teatro Galileo ‘Desfeitos’, dúas proxeccións de cinema arxentino e seis novos foros de debate protagonizan a actividade de hoxe dentro de MICAtlántica, o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas que se desenvolve estes días en Santiago organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría de Cultura do Goberno arxentino.

A Cidade da Cultura de Galicia, que vén acollendo desde o pasado sábado a parte expositiva e de encontro comercial profesional instalada no Museo Centro Gaiás, así como a sección de foros de presentación e debate no eido do negocio cultural que está a ter lugar no Centro de Innovación Cultural, celebra hoxe a súa última xornada de MICAtlántica con seis novas citas que contarán coa participación de axentes públicos e privados que intercambiarán as súas experiencias nos distintos ámbitos culturais.

Asemade, no Gaiás están programadas outras tres presentacións de proxectos, como son as relativas á PAM (Plataforma Argentina de Música) e GalicianTunes, na que participarán Fer Isella, coordinador de Música de MICA (Mercado das Industrias Culturais Atlánticas), e Jacobo Sutil, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais); ao Culturgal, que asumirá o seu director Xosé Aldea; e a Galician Connection, compartida esta por María Pereira, directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, e Paco de Pin, de Nordesía Producións.

Prensa internacional

Na xornada matinal está prevista, a partir das 11:30 horas, unha visita xeral aos distintos edificios da Cidade da Cultura pola prensa internacional especializada desprazada a Compostela para dar cobertura informativa a MICAtlántica, e á fronte da que se situarán Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e Rodolfo Hamawi, director nacional de Industrias Culturais de Arxentina.

O programa complétase, xa pola tarde, con dúas conferencias, sobre Deseño e Artesanía, que se desenvolverán baixo os títulos ‘Fitos e realidades do deseño arxentino’ e ‘Ilustración aplicada’.

A actividade de MICAtlántica na Cidade da Cutura pecharase coa intervención teatral que ás 19:00 horas realizará nas instalacións do Museo a compañía bonaerense Fernando Rubio Microteatro coa montaxe ‘Todo lo que está a mi lado’, unha orixinal obra móbil na que se intervén o espazo cunha serie de camas compartidas entre os espectadores e as seis actrices galegas que integran o elenco: Belén Constenla, Iria Pinheiro, Erica González, Mariola Verdía, Rosalía Castro e Lúa Testa.

Show en Compostela

Aínda que MICAtlántica se despide hoxe do Gaiás, a súa actividade de acceso libre para o público xeral continuará ata o venres en Compostela. De feito, hoxe o apartado Show terá unha especial dedicación ás propostas dos artistas galegos, xa que ás 21:30 horas terá lugar na Sala Capitol unha das citas máis relevantes do programa: o concerto de Xoel López, un dos músicos máis representativos do actual panorama pop-rock español, distinguido nos Premios da Música Independente co Mellor Álbum de Autor por ‘Atlántico’, o seu último traballo discográfico.

Hora e media antes, ás 20.00, o auditorio da sede da SGAE será o escenario doutra convocatoria importante: a representación da comedia urbana ‘Desfeitos’, escrita pola autora arxentina Febe Chaves e dirixida polo galego Pedro Rubín, titular da compañía Teatro Galileo, con Fernando Morán, Ana Santos e Xosé López Baño “Tanas” a cargo da interpretación.

No apartado audiovisual e dentro do ciclo de cinema arxentino inserido no Festival Cineuropa, o Salón Teatro acollerá a proxección do documental de ‘Mercedes Sosa, la voz de Latinoamérica’, de Rodrigo Vila; en tanto que no Teatro Principal poderá verse a longametraxe ‘Los dueños’, de Agustín Toscano e Ezequiel Radusk.

Foros de debate

O Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura acollerá as últimas seis mesas redondas do apartado Fórum de MICAtlántica, que se desenvolverán en paralelo ás 16.00, 17.00 e 18.00 horas e nas que profesionais e responsables públicos das dúas beiras do océano abordarán distintos asuntos nos eidos audiovisual, editorial, musical e escénico.

As dúas primeiras mesas preséntanse baixo os títulos ‘Contidos para TV pública’ e ‘Literatura infantil na formación de lectores’. A partir das cinco da tarde terán lugar as denominadas ‘Industrias Culturais: xeración de riqueza e emprego’ (na que participará Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura); e ‘A importancia do idioma e a diversidade cultural’. Os últimos foros de debate de MICAtlántica estarán dedicadas ás accións culturais múltiples para a industria do videoxogo e ás claves para pensar as artes escénicas no ámbito iberoamericano, moderada esta última por Manuel Guede Oliva, director do Centro Dramático Galego.

O programa completo de MICAtlántica está dispoñible en www.micatlantica.org nova venta