O Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, e o secretario de Cultura de Arxentina, Jorge Coscia, inauguran MICAtlántica no Museo Centro Gaiás

Santiago de Compostela, 24 de Novembro de 2013

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario de Cultura de la Presidencia de la Nación Argentina, Jorge Coscia, inauguraron esta mañá a primeira edición de MICAtlántica, o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas que se celebra ata o día 29 en Santiago. Durante o acto celebrado no Museo Centro Gaiás, percorreron as diferentes áreas de exhibición e intercambiaron impresións cos participantes na zona Expo, que acolle exposicións, instalacións artísticas e obradoiros de acceso libre, e no espazo Lab, onde teñen lugar as reunións de negocio personalizadas entre 410 entidades culturais de diferentes puntos de Galicia, Arxentina, España e Portugal.

En representación das institucións que comparten a organización en Galicia deste evento internacional, ambos subliñaron o carácter estratéxico das industrias culturais para os seus respectivos países, así como a importancia dos vínculos históricos que comparten Galicia e Arxentina á hora de impulsar o intercambio artístico e comercial neste ámbito.

Neste mesmo sentido, Vázquez Abad comezou a súa intervención incidindo na estreita colaboración entre as administracións galega e arxentina que –continuou– "representan dous pobos unidos por unha historia, unha cultura e uns intereses comúns". Fixo fincapé, así mesmo, no papel que MICAtlántica pode desempeñar á hora de reforzar a potencialidade das industrias culturais na procura dun futuro de progreso, tanto a nivel empresarial como social.

Primeiro balance positivo

Tras facer un primero balance positivo da xornada de onte, durante a que se levaron a cabo máis de 300 reunións de traballo e varias ducias de encontros informais na zona Lab para "tratar de tecer alianzas e emprender novos proxectos creativos", o conselleiro animou os participantes a seguir mantendo este alto nivel de actividade. "Agardo que moi cedo poidamos comprobar como MICAtlántica se traduce no nacemento de novas vías de negocio e de internacionalización", afirmou.

Pola súa banda, o secretario de Cultura de la Nación Argentina agradeceu tamén os equipos organizativos galego e arxentino os meses de intenso traballo conxunto, que posibilitou que Galicia sexa a anfitrioa da primeira edición que este mercado das industrias culturais celebra fóra de Arxentina, país onde se vén realizando desde 2011 baixo a marca MICA (Mercado de Industrias Culturales Argentinas).

Vínculos históricos

Descendente de galegos, Jorge Coscia expresou a súa persoal satisfacción por esta colaboración, que nace con vontade de se converter en permanente. “Cando falamos da integración con Galicia estamos simplemente complementando un esforzo iniciado hai máis de 100 anos”, asegurou referíndose á emigración de milleiros de galegos a América durante a que “a alma de Galicia recalou en Bos Aires, Arxentina e noutros moitos puntos de Iberoamérica”. O secretario de Cultura arxentino asegurou que agora é momento de botar man desta “ponte construída con esperanza e morriña” para apostar polo intercambio no ámbito das industrias culturais non só como meros espectadores na procura de entretemento, senón como protagonistas á hora de aproveitar toda a súa potencialidade e capacidade de crecemento económico, xeración de emprego e desenvolvemento sociocultural.

Neste mesmo acto, Vázquez Abad convidou a todos os galegos e galegas a que se acheguen estes días a Santiago para gozar das numerosas actividades (concertos, funcións teatrais, proxeccións de cine, exposicións, obradoiros, mesas redondas, etc.) que ofrece de balde e para o público xeral esta primeira edición de MICAtlántica.

Teatro arxentino de éxito

Neste sentido e tras a representación onte e hoxe de 'Todo lo que está a mi lado' do bonaerense Fernando Rubio, o público ten este luns unha nova oportunidade de se achegar ao teatro arxentino a través da aclamada obra de Roberto Perinelli 'Miembro del jurado'. O emblemático Teatro Nacional Cervantes produce este drama policíaco cargado de suspense que, estreado orixinalmente en 1979 durante a ditadura militar, mantén unha sorprendente actualidade e que chega agora a Galicia precedido do gran éxito de crítica e de público acadado no seu país tras a súa estrea en abril.

Corina Fiorello é a directora desta montaxe, que Silvina Bosco, Ernesto Claudio e Roberto Vallejos porán escena ás 20.00 horas no Auditorio Novagalicia Banco dentro de MICAtlántica Show. A entrada é gratuíta, previa retirada do convite na billeteira do espazo, que abrirá unha hora e media antes do inicio da función.

Folk galego

Pola súa banda, a carteleira musical do programa de mañá estará protagonizada polo folk de Luar na Lubre, unha das bandas galegas de maior proxección internacional, que ofrecerá un concerto ás 21.30 horas na Sala Capitol. En canto ao cinema, este luns ás 18.00 horas proxéctase a coprodución franco-arxentina 'Samurai', do realizador Gaspar Scheuer, como parte do programa que MICAtlántica comparte do festival Cineuropa.

En paralelo, continúa a actividade na Cidade da Cultura que, ademais das roldas de negocio para profesionais, acolle unha ampla variedade de actividades abertas ao público sobre os seis eixes sectoriais que definen MICAtlántica –artes escénicas, audiovisual, música, deseño e artesanía, editorial e videoxogos¬– e estruturadas arredor das zonas Lab, Expo e Fórum. Esta última sección está a ter lugar polas tardes no CINC (Centro de Innovación Cultural) a través dun intensa axenda de conferencias e debates a cargo de destacados profesionais de España e Arxentina, como os 18 que configuran as cinco mesas redondas de mañá.

Destacada presenza do audiovisual

Así, dentro deste espazo Fórum, a coñecida directora de cine arxentina Lucrecia Martel e Esther García, de El Deseo –produtora dos filmes de Pedro Almodóvar–, falarán sobre coprodución e cine de autor nunha sesión que moderará a especialista e crítica de cine María Iribarren, coordinadora do apartado Audiovisual no MICA arxentino (Fórum 1, 16.00 h). Este sector centrará tamén a sesión das 17.00 h que contará con Iago Fandiño, director de Clan TV; Andrés Barbá, presidente do Clúster Audiovisual Galego, e Chelo Loureiro, de Abano Producións, para abordar o apoio de Television Española á creación de series de animación infantil.

Os festivais de música a ambas beiras do Atlántico centrarán outra das mesas, na que intervirán a cantante Mercedes Ferrer, directora institucional da área de música da SGAE; Luis Mendo, vicepresidente da sociedade Artistas, Intérpretes o Ejecutantes (AIE); Julio Gómez, do Festival Sinsal; Francisco Viéitez, de Galician Connection; Eduardo Sempe, produtor do Festival Rock & Reggae de Arxentina; e Fer Isella, fundador da Plataforma Argentina de Música e coordinador deste sector no MICA. Ademais, no Fórum de mañá falarase tamén de 'Edición académica e universitaria na era dixital' e de 'Emprender en situación de crise' no ámbito do deseño.

Mentres, o Museo Centro Gaiás está a ser o escenario de presentacións de moi diversas iniciativas culturais, que na axenda do luns inclúen a nova asociación Music Managers Forum España (13.00 h), o proxecto multimedia sobre a triloxía 'Dragal' da empresa galega Ficción Producciones (13.30 h), as liñas de traballo con Latinoamérica da compañía de xestión cultural e música Esmerarte (14.00 h) e o Centro de Edición e Deseño da UNNOBA (Universidad Nacional del Noroeste de Buenos Aires) (16.00 h). A zona Expo acollerá, así mesmo, o relatorio 'Me conozco, me gestiono', da deseñadora gráfica arxentina Romina Torres (17.00 h).

O programa completo de MICAtlántica está dispoñible en www.micatlantica.org