Lisa Randall celebra no Gaiás os 100 anos da Teoría da Relatividade

Santiago de Compostela, 29 de Xuño de 2015

A Cidade da Cultura conmemora o vindeiro mércores, 1 de xullo, no Gaiás o centenario da teoría xeral da relatividade de Albert Einstein coa presenza da figura feminina máis importante da Física mundial: a profesora da Universidade de Harvard Lisa Randall.

O Centro de Innovación Cultural (CINC) do Gaiás será o escenario deste encontro científico organizado polo físicos galegos Jorge Mira e José Edelstein, no que tamén intervirá o profesor de Física Teórica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) José Javier Mas Solé.

Investigadora sobre física de partículas e cosmoloxía, Lisa Randall pronunciará a partir das 20:15 horas a charla Universos ocultos: unha viaxe ás dimensións extras do cosmos. Considerada pola revista Time unha das cen persoas máis influentes na sección de ‘Científicos e Pensadores’, Randall foi a primeira muller en ocupar un posto no departamento de física da Universidade de Princeton e a primeira muller Física Teórica no MIT e na Universidade de Harvard.

Entrada libre e de balde

Como introdución á charla da profesora norteamericana, Javier Mas Solé, profesor titular de Física Teórica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), será o encargado de abrir a xornada coa charla Da mazá ao burato de verme: cen anos de Relatividade Xeral. Tras el, o seu compañeiro José Edelstein completará o programa con O universo de Einstein: do Big Bang aos buratos negros. 

A xornada 100 anos da teoría xeral da relatividade ten entrada libre e de balde ata completar aforo. Os asistentes disporán, ademais, de aparatos de tradución para poder seguir a charla de Lisa Randall sen ningún problema.