O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou este venres a mostra Flor Novoneyra como unha viaxe no tempo que reflicte a Galicia segura de si mesma, orgullosa das súas raíces pero aberta a todas as influencias; “unha Galicia que explora outras culturas coa vontade de aprender e enriquecerse, capaz de sintetizarse despois en obras que esperan sentimentos universais, recoñecibles en calquera lugar do mundo, pero ao mesmo tempo nitidamente galegos”, explicou.
Durante o acto de inauguración, Feijóo afirmou que, ademais da beleza extraordinaria das máis de 100 pinturas de Lamazares e os 50 caligramas, gravados e debuxos de Novoneyra, hai unha lección indiscutible de que a mestura de manifestacións culturais ou de épocas é un proceso que sempre suma, que acumula e non exclúe.
O responsable do Goberno galego concluíu lembrando que tanto Novoneyra como Lamazares son representantes da mellor faceta da nosa cultura: a convicción de que un artista ten sempre un selo propio pero sempre transferible aos que han de vir, recuperable e aproveitable por todos en todas as épocas. “Contemplamos aquí unha viaxe no tempo, que contribúe á inmortalidade de Novoneyra, á inmortalidade de Lamazares e á inmortalidade de Galicia”, concluíu.
Fusión de pintura e poesía
Flor Novoneyra está formada por setenta pezas inéditas realizadas por Lamazares nos dous últimos anos entre Berlín e Madrid, nas que o autor fusiona a súa pintura cunha selección de versos de Uxío Novoneyra traducidos ao Alfabeto Delfín, un código inspirado no abecedario occidental creado por Lamazares en homenaxe ao seu pai e utilizado en todas as facetas da súa vida e obra desde o ano 2012.
Lamazares percorre nesta mostra todos os poemarios do autor e os poemas de Novoneyra flúen no cadro sen deixar nada ao azar. As pinturas de Antón Lamazares, traballadas como soños, variacións, brillos e capas que nos trasladan a grandes teas rothkianas están elaboradas a base de cores da nosa terra, da nosa luz e do noso imaxinario. E o soporte, humilde e transgresor, traballado como a terra se traballa na aldea, sementado, mollado e secado, o cartón.
A conexión Lamazares-Novoneyra refórzase nesta mostra coa exhibición de cincuenta caligramas realizados polo poeta do Courel, considerado un dos introdutores da poesía caligráfica na literatura galega, un espazo sonoro no que reencontrarse coa voz de Novoneyra e catro retratos realizados por Laxeiro, Tino Grandío, Tavera e Lorente.




