Unha plataforma de consumo colaborativo de equipos e servizos audiovisuais, unha liña de produtos infantís vinculados ao deseño e unha consultoría especializada en innovación e cultura. Estes son os tres proxectos gañadores da terceira convocatoria dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, promovidos pola Fundación Cidade da Cultura para poñer en marcha ideas innovadoras no mundo das industrias culturais, que vén de fallar a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Cada un dos premiados recibirá un premio en metálico de 2.000 euros, incorporarase de balde e durante doce meses ao espazo de coworking do Centro de Emprendemento do Gaiás e recibirá apoio, asesoramento e formación durante os primeiros pasos da empresa.
A pesar de que os Premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’ contan con apenas tres anos de vida, a convocatoria deste 2015 recibiu tres veces máis proxectos que na edición anterior, demostrando a importancia duns galardóns dedicados ao emprendemento cultural e creativo e reforzando a decidida aposta da Cidade da Cultura a prol do tecido empresarial do sector cultural.
Á hora de avaliar as iniciativas o xurado tivo en conta o carácter innovador e a creatividade da idea presentada, as posibilidades de se converter nun proxecto viable, a adecuación do proxecto á modalidade presentada, a integración de perfís profesionais dos participantes e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia.
Internet, deseño e xestión cultural
O xurado desta terceira edición dos ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’ decidiu outorgar o galardón na área de aplicacións informáticas relacionadas co sector cultural e proxectos culturais en internet a Nuevos Mozarts_Conectam, unha plataforma de consumo colaborativo para equipos e servizos audiovisuais.
O proxecto de Adolfo Ponte, Alberto Basalo e Alberto Vázquez busca poñer en contacto a propietarios de equipos audiovisuais (cámaras, focos, micrófonos…) e a usuarios que queren facer un uso puntual dos mesmos a baixo custo e cun proceso sinxelo e confiable. Conetcam busca convertirse na primeira plataforma P2P no mundo que se orienta ao nicho Broadcast, seguindo o modelo de plataformas de espírito colaborativo tan populares como Blablacar, Airbnb ou crowdwlending.
Na área de deseño e creación artística e plástica no ámbito cultural, o premio ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’ recaeu na firma Cucuducho, de Lois Guillán Santamaría. Cucuducho é unha liña de produtos infantís (mobiliario, obxectos decorativos, lámpadas, xoguetes) vinculados ao deseño e con influencia na rexión onde se leva a cabo a actividade. Entre os seus obxectivos está o de traballar con produtos de provedores locais e con materiais naturais e de orixe autóctona, ademais de poñer en valor a nosa cultura.
Finalmente, na área de xestión cultural, o premio foi para Kolectiv, unha consultoría especializada na innovación e a cultura que busca conectar ideas, persoas e coñecementos. Francisco García Quiroga é o artífice desta empresa que busca impulsar a formación no ámbito da cultural, creación de proxectos e o desenvolvemento de webs para proxectos innovadores e culturais.