A Cidade da Cultura inaugura este sábado o ciclo de concertos didácticos 'Camiños de Músicas'

Santiago de Compostela, 14 de Setembro de 2021

A Xunta programa na Cidade da Cultura de Galicia os sábados 18 e 25 de setembro dous concertos didácticos para público familiar no andar -1 do Museo Centro Gaiás. Baixo o título Camiños de Músicas, o ciclo ofrecerá un percorrido polas influencias sonoras do Camiño co fin de embarcar o público nunha peregrinación didáctica polo patrimonio musical. 

A primeira das citas terá lugar o sábado 18 de setembro e explorará da man de Kike Estévez as formas de improvisación oral que se fixeron presentes no Camiño ao longo dos séculos. O sábado 25 chegará a quenda para o Cuarteto Alicerce e o clown Alfredo Pérez, cunha proposta coa que se achegar desde a creatividade e o humor á música de Wolfgang Amadeus Mozart. Ambos concertos serán ás 17,00 horas e as entradas para cada un deles están xa á venda na web de Ataquilla a un prezo de 3 euros. 

Regueifas, brindos e loias

O regueifeiro e filólogo Kike Estévez conduce este concerto que é a un tempo unha mostra e un obradoiro activo para toda a familia. A regueifa, o brindo ou as loias son formas de improvisación oral que se dan en distintas zonas de Galicia, algunhas delas presentes no percorrido que debuxa o Camiño (como o brindo e as loias en Lugo e Ourense, ou as regueifas na Coruña). Estas cantigas improvisadas, que servían para fins diversos como disputarse o prezado pan no día do casamento, ou loar e criticar os contraentes e as súas familias, botábanse co obxectivo de entreter a audiencia durante horas coa facilidade de palabra dos contendentes.

As persoas asistentes ao obradoiro descubrirán formas de repentización e practicarán as claves para construír regueifas propias neste concerto que tamén explorará outras variedades melódicas a través de diferentes instrumentos tradicionais galegos. A idade recomendada é de nove anos en diante. 

Rumbo ao Divertimento

A segunda parada deste itinerario didáctico virá por conta do Cuarteto Alicerce e do artista e clown Alfredo Pérez, co gallo de descubrir os sempre novos e sorprendentes camiños que nos conducen a Wolfgang Amadeus Mozart.

 Jorge Montes (violín), Roberto Santamarina (violín), María José Pámpano (viola) e Carlos García Amigo (cello), conforman o Cuarteto Alicerce. Este ensemble galego fai gala no seu nome da solidez da súa amizade e da consistencia da súas premisas basilares respecto ao repertorio e interpretación: música para cuarteto dos períodos clásico e primeiro romanticismo europeos interpretada con instrumentos encordados en tripa. Chegarán ao Gaiás na compaña de Alfredo Pérez, un artista do clown, o teatro xestual, a danza e as acrobacias que encherá de emocións, xogo, diversión e tenrura as melodías clásicas do compositor austríaco.

Rumbo ao Divertimento tratará de achegarse ao público familiar desde a música clásica, o humor e a creatividade para se adentrar na senda da cultura e das artes coma vías cara á diversión e o lecer de calidade, como viaxes en familia cara ao enriquecemento persoal. Recomendado para público de nove anos en diante.