Benvidos a Cinegalicia25!

Santiago de Compostela, 21 de Novembro de 2014

Luces, cámaras, acción! O Museo Centro Gaiás volve abrir as súas portas coa mostra Cinegalicia25, coa que todos os galegos están convidados a festexar as vodas de prata do noso audiovisual, ao cumprirse 25 anos da estrea das primeiras longametraxes de ficción en galego: Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, Urxa de Carlos A. L. Piñeiro e Alfredo García Pinal, e Continental, de Xavier Villaverde.

Tras acoller Gallaecia Petrea, Códices, Orinoco. Viaxe a un mundo perdido e Auga Doce, o Museo Centro Gaiás convida a partir de mañá, 22 de novembro, e ata o 8 de febreiro de 2015, a botar unha ollada cara a atrás e renderlle unha homenaxe aos profesionais que fixeron posible que o audiovisual galego sexa hoxe unha realidade. 

Cinegalicia25, exposición organizada pola Cidade da Cultura en colaboración coa Agadic, conta con entrada de balde e fai un percorrido polo que foi o cine galego nestes cinco lustros, recollendo a traxectoria previa iniciada en 1986 coas primeiras proxeccións do Cinematógrafo en Galicia e botando, tamén, unha ollada cara ao futuro. 

Cinegalicia25 conta cunha ampla rede de colaboradores entre os que destaca moi especialmente a CRTVG, un dos principais motores da produción audiovisual galega, e outros axentes do sector como a Academia Galega do Audiovisual, Asociación Galega de Produtores Independentes, o Cluster do Audiovisual e a Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual. 

Como todas as mostras e actividades da Cidade da Cultura, Cinegalicia25 non sería posible sen o patrocinio da Fundación Gaiás, que co seu apoio e financiamento fai posible a programación cultural do complexo deseñado por Peter Eisenman. 

Dos filmes pioneiros á ficción, animación e documental

Comisariada por Miguel Anxo Fernández, un dos grandes investigadores cinematográficos galegos, e cun deseño de montaxe a cargo da directora de arte Marta Villar, Cinegalicia25 divídese en seis partes nas que o público poderá reencontrarse con diálogos, paisaxes e músicas que xa forman parte da nosa vida. 

O punto de partida é 1989, ano no que se estrean as tres películas fundacionais, que lle dan a benvida ao público no andar cero a través das tres iconas vinculadas ás súas singularidades: o aparello voador de Sempre Xonxa, o neon de Continental e o menhir de Urxa, que ao tempo estenden o recoñecemento aos seus respectivos directores.

Mais o audiovisual galego non naceu en 1989. Por iso, o percorrido que leva desde o andar cero ao 3 está salpicado de 25 fitos históricos que vai desde a chegada do cine á Coruña en 1896 ata a primeira ficción galega (Miss Leyda de 1916), o cine na República e o Franquismo ou a aparición da TVG. 

Xa no terceiro andar, Cinegalicia25 desprégase a través de seis fíos conductores. Cine galego revisa o audiovisual a través daquelas longametraxes que marcaron un fito na nosa historia, Rodado en Galicia expón os filmes alleos recollidos na nosa contorna paisaxística e monumental, Ficcións televisivas amosa a TVG como o motor da produción propia, 25 pezas máis… recolle outros formatos como a animación ou o documental, Cine de papel ofrécelle ao público a abondosa e fundamental aportación historiográfica e teórica do noso audiovisual, e en Contornos plásmanse os diferentes sectores da sociedade que se encargaron de converter o sector non só nunha industria, senón en expresión dunha cultura diferenciada.  

Sala de cine

Para completar esta homenaxe ao audiovisual galego, o Museo Centro Gaiás acolle unha sala de cine no que durante todo o día se proxectos resumos audiovisuais destes 25 anos realizados pola CRTVG. 

Do mesmo xeito, todos os venres, sábados e domingos, a partir das 18:00 horas, o visitante poderá visionar as tres películas fundacionais: Sempre Xonxa, Continental e Urxa, totalmente de balde. 

Ata o 8 de febreiro

Cinegalicia25 está aberta ao público desde este sábado, 22 de novembro de 2014, ata o 8 de febreiro de 2015 de martes a domingo en horario de 11 a 20 horas. A exposición ten entrada de balde e conta con visitas guiadas todos os sábados e domingos ás 12:30 e ás 18:30 horas. 

Do mesmo xeito, o contido didáctico e lúdico de Cinegalicia25 achegaráselle á comunidade educativa a través das Visitas didácticas para escolares, que arrancan o vindeiro 25 de novembro e rematarán o 6 de febreiro. Pensadas para todos os tramos de idade, as visitas didácticas contan con catro quendas (dúas pola mañá e dúas pola tarde) e é preciso reserva previa en visitasdidacticas@cidadedacultura.org.