50 emprendedores visibilizan os seus proxectos en Cidade Creativa

Santiago de Compostela, 31 de Marzo de 2017

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde en ‘Cidade creativa’, o mercado da creación diferente co que a Cidade da Cultura de Galicia, en colaboración con 7HCoop, pon en valor os proxectos emprendedores que se están a desenvolver no Gaiás. Ao longo de toda a xornada, un total de 50 artistas puideron visibilizar os seus traballos a través dunha pequena feira de artesanía e produto, exhibicións e intercambio de coñecementos en vivo.

A apertura de ‘Cidade Creativa’ tivo lugar esta mañá a cargo da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, quen amosou o seu apoio a este tipo de programación que aposta polos creadores e a experimentación e na que as empresas que son parte do Centro de Emprendemento (CEM) do Gaiás demostren como o talento creativo se está a materializar nos máis diversos campos: do deseño gráfico á autoedición, as novas tecnoloxías ou mesmo o turismo.

Na apertura, Ana Isabel Vázquez estivo acompañada por Concha Diéguez, responsable de Reverso Comunicación, empresa presente no Coworking Gaiás desde os seus inicios; e Clara Cordeiro, coordinadora de proxectos de 7H Cooperativa Cultural, firma presente tamén no CEM e responsable da organización da xornada.

Feira e demostracións en directo

‘Cidade Creativa’ abriu as súas portas esta mañá co BIC Express, no que cinco empresas do CEM impartiron unha breve formación compartindo os seus coñecementos. Deste xeito, Concha Diéguez, de Reverso Comunicación, disertou sobre ‘A importancia de crear o discurso profesional’; desde ComunicArte deron as claves para ‘Explorar o camiño ao éxito’; o fotógrafo Andreu Romaní amosou como manipular a luz para mellorar as nosas fotografías; Andrea Tapia, de Másquepapel, reivindicou a necesidade de manter unha actitude positiva para conseguir o éxito; e finalmente desde Quenindiola aportaron algunhas claves creativas do seu traballo de deseño de produto.

Xa pola tarde, ‘Cidade Creativa’ contou cunha feira na que participan 50 artistas con pezas de autor, produtos exclusivos e artesáns expertos como Quenindiola, Nuria Díaz ou Exclusivas Lema. A feira completouse cun escaparate de produto no ámbito do deseño contemporáneo, no que firmas como Mymondidit ou Cucuducho non só amosaron os seus artigos, senón que realizaron demostracións en directo. A xornada contou tamén con obradoiros creativos, así como actuacións e performances de artistas como Diana Sieira, Helen Bertels ou Carolina Fernández.

Pecha-Kucha e música en directo

Esta tarde ten lugar tamén o Goteo Creativo, rolda de presentación de proxectos en formato Pecha-Kucha no que participan un total de dez emprendedores: Asociación de Xestores Culturais, Block Head, Gálix, Luis Magarinhos, Más que Papel, Mulleres Bravas de Urco Editora, Nana Art, Paripepop, ReEvoliciona e Diego V. Meizoso.

Música en directo, performances, monólogos e ata unha pinchada completan este día dedicado ao talento creativo galego, no que tamén se busca facilitar o encontro entre emprendedores para compartir ideas e establecer sinerxías.