Vinte proxectos emprendedores da cultura e as TIC botarán a andar no Gaiás no coworking Igape-EOI

Santiago de Compostela, 15 de Marzo de 2022

A Xunta de Galicia, en colaboración coa Escuela de Organización Industrial (EOI), vén de iniciar na Cidade da Cultura de Galicia a actividade da sexta edición dos Coworking IGAPE-EOI. Neste espazo de coworking do Gaiás, unha vintena de iniciativas de emprendemento recibirán formación, asesoramento e titoría durante os próximos cinco meses na posta en marcha das súas iniciativas empresariais.

A aceleradora centrarase no sector cultural e das TIC, áreas nas que se especializa precisamente o Centro de Emprendemento do Gaiás. Durante a súa estancia formaránse en temáticas como lean startup, márketing dixital, branding creativo e marca persoal, ferramentas de venda, vías de financiamento ou optimización da comunicación, a través de 12 talleres específicos.

Contarán, ademais, con 40 horas de titorías individualizadas, enfocadas no desenvolvemento de cada unha das súas propostas, e terán a oportunidade de amosar os seus produtos no demoday que porá fin a esta experiencia formativa. A participación é gratuíta e o programa conta co cofinanciamento da Xunta e do Fondo Social Europeo.

Na sesión de apertura, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, quixo dar a benvida aos 20 emprendedores e emprendedoras “que se incorporan deste xeito á gran familia do Centro de Emprendemento do Gaiás, da man de dúas entidades que tanto levan traballado no apoio á creación e consolidación de novas iniciativas empresariais como son o Igape e a Escuela de Organización Industrial”.

A directora xerente manifestou a súa satisfacción por poder “renovar esta colaboración un ano máis, despois de superar todos os retos ante os que nos puxo a pandemia, que redundan en proveito dun tecido empresarial no sector cultural máis formado, e con máis ferramentas para materializar con éxito os seus proxectos”.

Neste acto de arranque da actividade formativa, estivo acompañada do director da Área de Desenvolvemento de Pemes da Escuela de Organización Industrial, Javier Benito.

11 espazos de coworking en Galicia

Nos próximos días darán comezo tamén as accións de formación e asesoramento no resto de espazos coworking da rede impulsada pola Xunta, que nesta edición contará cun total de 11 espazos en todo o territorio galego, que inclúen a Mariña Lucense (Mondoñedo), a Costa da Morte (Cabana de Bergantiños), Ferrolterra (Ferrol), Santiago de Compostela (Cidade da Cultura), a Ribeira Sacra (Monforte de Lemos), o Salnés (Vilanova de Arousa), o Deza (Lalín), Camiño de Santiago (Palas de Rei), Mancomunidade do Carballiño (O Irixo), Valdeorras (A Rúa) e a Tecnópole (Ourense). Cun orzamento dun millón de euros, o programa facilitará o desenvolvemento de 220 proxectos de emprendemento.

Ao longo das cinco edicións previas do programa, pasaron polo mesmo preto de 900 persoas emprendedoras no conxunto dos diferentes coworking, nos que se desenvolveron máis 700 proxectos empresariais.