Unha mostra homenaxe a Luz Pozo Garza para festexar o Día da Muller no Arquivo de Galicia

Santiago de Compostela, 08 de Marzo de 2021

O Arquivo de Galicia celebra este ano o Día Internacional da Muller cunha mostra homenaxe á escritora Luz Pozo Garza (1922-2020), que inclúe varias pezas do arquivo persoal que a propia autora doou á Xunta de Galicia, entre as que se atopan fotografías, debuxos orixinais e mesmo correspondencia con escritores claves no seu desenvolvemento literario.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M.Lorenzo, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, xunto ao presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, inauguraron hoxe a mostra nun acto no que tamén estivo presente parte da familia de Luz Pozo Garza. No acto púxose de manifesto a importancia do legado da escritora, “unha muller de grande enerxía e sensibilidade que deixou unha fonda pegada en moitos ámbitos creativos, especialmente na poesía”, explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Anxo M. Lorenzo referiuse á posibilidade que ofrece a nova exposición de abrir á cidadanía un fondo documental bibliográfico único dunha autora que “soubo como ninguén enlazar a tradición rosaliana e a xeración do 36 ás últimas xeracións de vangarda”, e que, agora, dixo, “pode contemplarse no Arquivo de Galicia onde coa súa xenerosidade doou gran parte de pezas claves e inéditas ata o de agora para a cidadanía”, indicou.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo en valor a figura e o legado de Luz Pozo e, con motivo do Día Internacional da Muller, sinalou a necesidade de seguir traballando “sen dar un paso atrás” na loita pola igualdade real. “Hoxe é un día de recordo e de recoñecemento ao legado da coraxe, sabedoría e independencia que nos entregaron as nosas pioneiras”, engadiu. Así mesmo, López Abella apuntou que “a historia de Galicia é unha historia de mulleres” e afirmou que “hoxe é un día para alegrarnos polos pasos dados cara a unha sociedade galega máis equitativa, máis cohesiva e máis competente”.

A exposición Luz Pozo Garza: unha estrela de luz realiza un repaso á súa traxectoria persoal e profesional a través dun percorrido no que se afonda nas súas relacións familiares, a súa formación académica e as súas afeccións; a súa contribución creativa na poesía e no xénero de ensaio, as súas incursións no mundo da crítica literaria da man de revistas como Nordés e Clave Orión, entre outras. Tamén se fai referencia ao seu nomeamento como membro da Real Academia Galega, así como a longa listaxe de premios e homenaxes recibidos.

En total, a mostra permite divulgar preto dun cento de documentos entre fotografías, debuxos orixinais da propia autora e correspondencia con escritores ou borradores de publicacións. Foi posible grazas a que no ano 2016 Luz Pozo Garza decidiu doar á Xunta de Galicia todo este material para poñelo a disposición da cidadanía. Poderá visitarse no Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, ata o 9 de xuño.