Unha app de música galega e unha guitarra eléctrica innovadora, proxectos galardoados nos VII Premios Sixto Seco

Santiago de Compostela, 21 de Novembro de 2019

A Cidade da Cultura entregou esta tarde os VII Premios Emprende Gaiás – Sixto Seco ás mellores ideas emprendedoras do ano no sector das industrias culturais e creativas. Nesta edición, o xurado decidiu premiar dúas iniciativas para emprender do eido da música que apostan, dunha banda, pola innovación en termos de deseño de produto –neste caso aplicada ao campo da fabricación de guitarras eléctricas–, e por outra, por darlle visibilidade á música feita en Galicia e ás bandas locais a través dunha app móbil especializada. Os galardóns, que impulsa a Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, contan co patrocinio de Afundación e a colaboración do Igape.

O acto de entrega dos galardóns, celebrado esta tarde no auditorio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, contou coa participación do secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo, Manuel Vila; do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; a coordinadora de Educación de Afundación, Carlota Sánchez-Montaña Puga; e o director do Igape, Juan Cividanes. Para finalizar a xornada, a lingüista, divulgadora e especialista en comunicación no ámbito profesional, Estrella Montolío Durán, impartiu unha conferencia titulada O poder da conversa: comunicar para emprender. Nela deu algunhas claves para reflexionar e manexar mellor a propia imaxe persoal a través do intercambio comunicativo máis habitual no noso día a día: as conversas cotiás.

No acto de entrega dos galardóns, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, destacou que os Sixto Seco consolidáronse, tras sete edicións “como unha das apostas estratéxicas da Cidade da Cultura para favorecer a creación de novas empresas e de emprego no sector das industrias culturais e creativas de Galicia”. Neste sentido, quixo felicitar os gañadores polo seu traballo e convidalos a aproveitar o apoio que se ofrece desde o Centro de Emprendemento do Gaiás para “materializar os seus proxectos coa guía e o asesoramento de expertos que poñen o seu coñecemento e experiencia ao servizo dos novos emprendedores”.

Unha app para a música feita en Galicia

O proxecto GMusic, para o desenvolvemento dunha app móbil especializada en música feita en Galicia, foi o elixido como vencedor na modalidade A do certame, destinada a premiar proxectos en internet e aplicacións informáticas do sector cultural. Co principal obxectivo da difusión e posta en valor da diversidade da escena musical da nosa Comunidade, GMusic pretende aproveitar a dimensión estético-emocional da música para conectar cos oíntes, a través dunha app especializada que leve directamente ao teléfono móbil as bandas emerxentes e abra unha nova fiestra á interacción co usuario a través de tres tipos principais de contidos: radio online, podcast e concertos retransmitidos en live streaming.

O proxecto está promovido por Germán Cacheda de Paz e Xavier Facal, ambos son técnicos superiores de son e traballan na Radio Galega como técnicos de control de radio. Xavier Facal é licenciado polo Conservatorio Superior da Coruña en Piano-jazz, mestrado en educación secundaria na especialidade de música e posgrao en sistemas de audio e sonorización. Desde 2017 é ademais director do programa de Radio Galega Música Notas de Jazz. Germán Cacheda vén de emprender paralelamente en distintos proxectos por conta propia, cunha traxectoria máis vinculada ao ámbito empresarial e comercial, polo que as combinacións de ambos perfís profesionais aportan valor ao proxecto emprendedor.

Innovación en guitarras eléctricas

No caso da modalidade B do certame, destinada a premiar ideas emprendedoras no campo do deseño, a xestión cultural ou a creación artística e plástica, o xurado escolleu a proposta do enxeñeiro en deseño industrial e desenvolvemento de produto Martín Gómez Domínguez, centrada na creación dunha guitarra eléctrica innovadora no seu deseño e prestacións.

A diferencia das guitarras acústicas, que contan cunha caixa e resonancia, as guitarras eléctricas empregan pastillas, pequenos micrófonos que se encargan de recoller o son das cordas para transportalo ata o amplificador e reproducilo a un maior volume. No mercado existen diferentes tipos de pastilla que darán á guitarra unha ou outra tonalidade. Neste proxecto desenvólvese unha guitarra modular que posibilita cambiar a pastilla (que sempre está fixa noutras guitarras), en cuestión de segundos e poder movela en calquera posición sen cambiar as cordas ou desafinar. Lógrase así unha variedade de sons e combinacións, dótase de versatilidade o instrumento e permite ao músico elixir entre case o 95% das pastillas existentes no mercado.

Apoio económico e acompañamento experto

A través dos Premios Emprende Gaiás – Sixto Seco, a Fundación Cidade da Cultura e a Xunta de Galicia apostan por apoiar os emprendedores e emprendedoras galegas desde que dan os seus primeiros pasos. Cada proxecto galardoado recibe un premio en metálico –3.000 euros para cada modalidade– e a posibilidade de incorporarse de balde e durante un ano ao coworking do Centro de Emprendemento Creativo da Cidade da Cultura, que forma parte da rede de aceleradoras impulsada polo Goberno galego. Os emprendedores e emprendedoras disporán no coworking do Gaiás dun espazo de traballo para lanzar os seus proxectos, beneficiándose dun ambiente de traballo innovador e cooperativo e dun programa de titoría personalizado que lles servirá de guía para transformar as súas ideas en empresas sostibles e competitivas.

Os Premios Emprende Gaiás – Sixto Seco favoreceron, desde a súa primeira edición no ano 2013, a posta en marcha de dezasete proxectos que apostan por innovar no ámbito da cultura, moitos dos cales seguen a día de hoxe como empresas consolidadas. Os galardóns, que homenaxean o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco, confírmanse como unha das principais liñas de programación da Cidade da Cultura destinadas a favorecer o emprendemento e a creación de emprego en Galicia.

 
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente