Un depósito sonoro e visual de experiencias do Camiño durante o ano da pandemia, nas Torres Hejduk

Santiago de Compostela, 12 de Novembro de 2020

A Xunta de Galicia vén de transformar as Torres Hejduk da Cidade da Cultura nun banco sonoro e visual de memorias, pegadas e experiencias do Camiño recollidas durante este ano 2020, marcado pola pandemia da covid-19. Faino a través da intervención artística efémera A distancia da imaxe, que foi inaugurada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nun acto que contou tamén coa presenza do director institucional territorial noroeste do Banco Sabadell, Manuel Prol, en representación da Fundación Banco Sabadell –entidade colaboradora con esta iniciativa–.

A instalación, que poderá visitarse ata o 7 de marzo, forma parte dunha serie de intervencións artísticas realizadas neste espazo expositivo non convencional, co Camiño de Santiago como eixo e enmarcadas na programación do Xacobeo 2021. A intervención foi a gañadora da pasada edición do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os participantes do IX Encontro de Artistas Novos (EAN9).

A distancia da imaxe é un proxecto artístico do Colectivo Cantz –formado polos artistas visuais Felipe Romero, de Colombia, e Marius Ionut Scarlat, de Romanía– que reflexiona sobre as pegadas que o Camiño de Santiago deixa nas persoas que o experimentan, desde o relato oficial a través dos selos da Compostela ou as guías de viaxes, ata as marcas deixadas no propio corpo. Para isto, constrúe un depósito de rostros e vivencias a través da experiencia dos artistas durante o Camiño –recollida nun diario fotográfico a modo de fotolibro– e dunha serie de entrevistas realizadas na praza do Obradoiro, que se poden escoitar nas Torres Hejduk acompañadas de retratos dos seus protagonistas. Nestas entrevistas, realizadas nun ano marcado pola pandemia, a covid-19 deixa tamén unha importante pegada nas experiencias das persoas camiñantes, que nos seus testemuños aluden ás motivacións que as levaron a emprender o Camiño no momento actual de crise sanitaria.

No acto de apertura desta intervención, o secretario xeral de Cultura destacou que o proxecto se propoña “darlle unha volta ás clásicas imaxes que temos sobre o Camiño de Santiago, introducindo ademais a ollada de dous artistas non galegos que, a través do obxectivo das súas cámaras, reinterpretan esta ruta milenaria, afondando nas pegadas que deixa nas persoas que a experimentan”. Anxo M. Lorenzo quixo lembrar ademais que a exposición supón “un xeito de apoiar e dar visibilidade á arte contemporánea e aos artistas emerxentes, ofrecendo como lenzo un espazo tan pouco convencional como recoñecido, como son as Torres Hejduk, e a través dunha plataforma de apoio á arte tan consolidada como é xa o Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura”.

Con este arquivo sonoro e visual, os peregrinos ven prolongada a experiencia do Camiño máis alá da súa chegada ao Obradoiro, deixando a súa pegada nestas torres situadas no cumio da faldra oeste do Gaiás, a cal está precisamente bordeada pola Vía da Prata á súa chegada a Compostela.

Colectivo Cantz

O proxecto do Colectivo Cantz foi elixido como vencedor entre as 11 propostas presentadas ao VII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk. Os seus autores traballan a partir da imaxe fotográfica e teñen desenvolvido proxectos en Italia, Colombia, Arxentina, Romanía ou Israel, abordando cuestións como o territorio, a historia e a identidade. A súa traxectoria sitúaos nos límites da lóxica documental, interesándose especialmente en lugares que permiten expandir o medio fotográfico, servindo como dispositivo de reflexión visual.

Felipe Romero Beltrán (1992, Colombia) é fotógrafo e artista visual. Desenvolveu proxectos artísticos en países como Colombia, Arxentina, Israel e España. Actualmente, investiga arredor da imaxe fotográfica e as tensións no territorio. Foi premiado en certames como ArteCámara ARTBO 2019, Encontros da Imagem Discovery Award 2019, Tabacalera Cantera 2019, Photoespaña 2019, New York Times Call 2019, Sony Photography Awards, Canon Student program, Visa pour l’image, Burn Magazine Magnum Foundation, Luca Dolega París, ou World Nomads Japón.

Marius Ionut Scarlat (1993, Romanía) está graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Alcalá, pero comezou a súa carreira como fotógrafo tras rematar o Máster en Fotografía artística na Escola TAI. Desenvolveu o seu traballo fotográfico en países como Romanía –de onde é orixinario–, España, Reino Unido ou Italia. Participou en concursos nacionais e internacionais como PhotoEspaña, Magnum Foundation, Tabacalera, La Máquina, World Nomads, Visa pour l’image ou Matera European Photography.