Un concerto de coros históricos para pechar o I Encontro de Cultura Popular 'Serán'01'

Santiago de Compostela, 10 de Xuño de 2018

Unha emotiva interpretación conxunta do Himno Galego a un cento de voces, realizada por dous dos coros históricos máis antigos de Galicia, pechou este domingo Serán’01, encontro promovido pola Xunta de Galicia para apoiar e pór en valor a nosa cultura popular e de base. Foi un man a man do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol –con máis de cen anos de historia– e a coral De Ruada de Ourense –que este ano celebra o seu centenario–, que puxo o peche de honra a tres días de actividades na Cidade da Cultura. O programa, que congregou a milleiros de persoas, incluíu concertos, conferencias, masterclasses, recinto feiral, obradoiros infantís e, sobre todo, moito baile e foliada como os grandes protagonistas.

Tamén o traxe tradicional tivo un oco moi destacado este domingo, cun desfile organizado pola asociación etnográfica pontevedresa Sete Espadelas. Baixo o título Sete Varas, un Refaixo, os asistentes puideron contemplar un conxunto de traxes orixinais antigos e recreacións fieis á tradición procedentes das distintas comarcas galegas. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, puido asistir a este desfile, onde puxo de relevo a “nosa riqueza etnográfica, folclórica e tamén as mostras da creatividade e do talento ligados á tradición que ao longo destes tres días puideron verse de primeira man no Gaiás, este foco irradiador de cultura e de coñecemento de Galicia”.

Apoio á cultura de base e ao folclore tradicional

O Serán'01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional nace por iniciativa da Xunta de Galicia como un evento de primeira orde, con vocación de consolidarse no tempo como unha gran plataforma que reúna, protexa e poña de relevo todas as iniciativas que xorden no seo da cultura asociativa de base popular.

Esta primeira edición estivo especialmente centrada no baile tradicional con motivo da súa próxima declaración como Ben de Interese Cultural, cuxa tramitación se iniciaba o pasado mes de abril coa incoación do expediente e que prevé resolverse antes do prazo máximo previsto de dous anos. Este procedemento está destinado a preservar e salvagardar o baile como parte do patrimonio inmaterial galego.

Así, ata un milleiro de bailadores e bailadoras de todas as idades, acompañados de artistas consolidados do folk galego actuaron durante esta fin de semana no Serán'01. O programa incluíu nomes como Ugía Pedreira, Susana Seivane, Xosé Manuel Budiño, Uxía Senlle, Davide Salvado ou Leilía ademais de numerosas agrupacións históricas do noso folclore tradicional. Cantigas e Agarimos (Santiago), Eidos (A Coruña), Brincadeira (Santiago), Cántigas e Frores (Lugo), Xacarandaina (A Coruña), O Fiadeiro (Vigo), Castro Floxo (Ourense) e Lembranzas Galegas (Vigo) compartiron escenario o pasado venres no Festival Folclórico do Serán’01, mentres que outras como Arume de Verdillo (Carballo), A Rebulir (Ramirás), As Rinchonas (Corcubión) ou Peis d’Hos (Cangas) e así ata unha vintena de agrupacións, participaron nas diferentes Foliadiñas Infantís coas súas xeracións máis novas.

40.000 bailadores e bailadoras, dentro e fóra de Galicia

Se ben o baile foi o gran protagonista do Serán'01, nas actividades do encontro tivo tamén un papel moi destacado todo o sector relacionado e vinculado coa cultura popular. O folclore tradicional artella un relevante tecido cultural e económico, representado nas 40.000 persoas de todas as idades que se calcula participan en agrupacións de baile tradicional dentro e fóra de Galicia. Tamén no feito de que a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño teña rexistradas máis de 230 entidades relacionadas con este eido como teceláns luthiers, modistas, zoqueiros e zoqueiras, ourives, etc. Como mostra, no recinto feiral instalado no Museo Centro Gaiás, puideron visitarse ao longo da fin de semana máis de medio cento de stands de artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións, organización de festivais, concursos, editoriais, etc. Tamén, da man da agrupación Xacarandaina, o Museo Gaiás acolleu durante durante estes días unha valiosa mostra de mantóns antigos de seda.

Masterclasses de baile tradicional, obradoiros infantís, conferencias ou proxeccións completaron o amplo abano de actividades, todas elas de balde, incluídas no Serán'01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional, organizado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, e coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e da Agadic.

 
Desfile do Traxe Serán'01. Fotos: Manuel G.Vicente
Desfile do Traxe Serán'01. Fotos: Manuel G.Vicente
Desfile do Traxe Serán'01. Fotos: Manuel G.Vicente
Desfile do Traxe Serán'01. Fotos: Manuel G.Vicente
Concerto de Coros Históricos de Serán'01. Foto: Manuel G Vicente
Concerto de Coros Históricos de Serán'01. Foto: Manuel G Vicente
Concerto de Coros Históricos de Serán'01. Foto: Manuel G Vicente