Tres proxectos liderados por mulleres álzanse cos V Premios Emprende Gaiás -Sixto Seco

Santiago de Compostela, 14 de Novembro de 2017

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe a entrega dos Premios Emprende Gaiás - Sixto Seco, unha quinta edición destes galardóns na que cabe salientar que os proxectos gañadores das tres categorías están liderados por mulleres. Deste xeito, certames como o que hoxe celebrou na Cidade da Cultura a súa entrega de premios serven para dar visibilidade e o recoñecemento que merecen ás mulleres que rompen a diario teitos de cristal en cada vez máis eido e, entre eles, no emprendemento nas industrias culturais.

Esta nova edición tamén foi especial porque, por primeira vez,  os gañadores coñecéronse na mesma gala de entrega —presentada pola xornalista Belén Xestal—  e contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo; do presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet Álvarez; e do xerente de IGAPE Nova,  Guillermo Viña.  Para estas dúas institucións o conselleiro tivo palabras de agradecemento xa que son patrocinadora e colaboradora do certame, respectivamente.

 WCube, Kandora e Soundslikemarket

Román Rodríguez foi o encargado de entregar os premios en cada unha das tres categorías. Deste xeito, o premio a Aplicacións informáticas ou proxectos culturais en Internet foi a WCube, unha plataforma on-line dedicada á intermediación en operacións de compra-venda de arte entre particulares e artistas (noveis e expertos). Ideado por Gabriela Lusquiños Santos,  este proxecto permite darlles visibilidade aos artistas locais e dispoñer de mostras artísticas organizadas respectando un mínimo de calidade artística e ofrecendo seguridade ao comprador final.  Non se trata só dunha galería senón que artista e visitantes interactúan nunha comunidade buscando desta forma un enriquecemento común. 

Kandoro, un recurso didáctico para docentes e familias para lles facilitar contidos curriculares de educación infantil,  foi a proposta galardoada no apartado de Deseño, creación artística e plástica.  Esta cidade de cartón de Inés Rodríguez Sacristán promove a imaxinación dos máis pequenos, favorece o xogo compartido en familia, resulta educativa e cada un dos seus escenarios —a casa, a tenda, o centro de saúde e a oficina de correos- é  unha creación artística e plástica de carácter innovador con previsións de converterse nun proxecto viable e de futuro.

Na categoría de Xestión cultural o premio recaeu en Soundslikemarket. Tamara Rodríguez Silva presentou a concurso esta plataforma de xestión cultural que permite a posta en contacto por parte dos profesionais dos distintos ámbitos do sector musical para a produción e difusión de eventos musicais. O proxecto pretende resolver o problema das barreiras de entrada na industria da música co obxecto de facilitar a creación de proxectos culturais ao poñer ao servizo de usuarios e clientes: perfís profesionais que cubran todas as áreas implicadas na xestión destes proxectos.

A quinta edición dos premios Emprende Gaiás-Sixto Seco recibiu preto de 30 proxectos relacionados co deseño, internet e xestión cultural. A hora de avaliar as iniciativas, o xurado tivo en conta o carácter innovador e a creatividade da idea presentada; as posibilidades de se converter nun proxecto viable; a adecuación da iniciativa á modalidade presenta; a integración de perfís profesionais dos participantes; e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia.

2.000 euros e incorporación ao CEM do Gaiás

Os proxectos gañadores recibiron un premio en metálico de 2.000 euros e incorporaranse de balde durante doce meses ao espazo de coworking do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, onde recibirán apoio ao longo deste ano a través dun programa de titorización personalizado con formación e asesoramento para levar a cabo o seu proxecto.

Na entrega destes premios, o conselleiro estivo acompañado por Xandra e Teresa,  familiares de Agustín Sixto Seco, o insigne galeguista que dá nome aos galardóns. Román Rodríguez celebrou que as novas xeracións de emprendedores sigan atopando inspiración na biografía “dun intelectual inquedo e activo, que impulsou proxectos tan relevantes para a cultura galega como a editorial Galaxia, a Fundación Penzol, a Casa Museo Rosalía de Castro, a Fundación Otero Pedrayo ou o Museo do Pobo Galego”.

Conferencia de Emilio Duró

Tras coñecerse os premiados, o acto estivo precedido pola conferencia de Emilio Duró que, baixo o título Non vale renderse, procurou mellorar a motivación e a mentalidade positiva dos asistentes fronte aos novos retos, facilitando novas ideas para xestionar os cambios e mellorar a vida persoal e profesional.

Emilio Duró é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade Autónoma de Barcelona e pola Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE). Máster en Administración de Empresas por ESADE e ex directivo de empresas nacionais e internacionais, desde hai máis de 30 anos, traballa como asesor, consultor e formador nas primeiras empresas do país.

Showcase de tortas

O acto rematou cun showcase de tortas, elaborada por un dos gañadores da pasada edición, Daniel Diéguez, quen se fixo co Sixto Seco con Cake Artis , que traslada ao mundo da repostería as técnicas de impresión 3D.

Con ampla experiencia profesional en ensino, deseño, ilustración, dirección artística e pastelería, Daniel Diéguez continúa, na actualidade, a dar pasos adiante na conexión da repostería creativa e a arte, tal e como demostrou coas súas creacións comestibles.

O emprendemento na Cidade da Cultura

Con esta nova edición, os Premios Gaiás Sixto Secto consolídanse como unha das liñas de programación da Cidade da Cultura destinadas a favorecer o emprendemento no eido das industrias culturais.

Neste senso, o empredemento figura, xunto coa tecnoloxía e a cultura, como un dos tres eidos nos que opera o Gaiás, cun Centro de Emprendemento no que actualmente máis de 300 persoas están impulsando proxectos innovadores. Este centro ofrece un espazo de coworking e un viveiro de empresas, ademais dunha área tecnolóxica na que compañías punteiras, como Telefónica, HP ou Vodafone, en colaboración coa Amtega, están desenvolvendo proxectos de apoio a start-up galegas.

Máis aló dos recursos dirixidos aos emprendedores con sede na Cidade da Cultura, o Gaiás desenvolve unha programación que ten por obxecto estimular o talento e crear cultura emprendedora en Galicia, con eventos como as charlas TEDxGalicia ou o Spin, o maior evento de emprendemento universitario de América Latina, que chegou a congregar na Cidade da Cultura a 3.500 persoas procedentes dun cento de universidades de España, Portugal e América Latina.