A sesión inaugural de Nexos 2018 analiza as contradicións da sociedade actual a través da crianza de fillos

Santiago de Compostela, 27 de Xaneiro de 2018

O ciclo de cultura contemporánea Nexos inaugurou este sábado na Cidade da Cultura de Galicia a súa sexta edición, composta por cinco sesións ata o 16 de xuño, moderadas por Marcos Lorenzo. Esta sesión de partida tivo como protagonista a coñecida filósofa e xestora cultura Carolina del Olmo para analizar as contradicións da sociedade actual, a través da maternidade, a crianza e as políticas de conciliación existentes.

Este primeiro relatorio contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que na súa intervención, antes de dar paso a Carolina del Olmo, puxo en valor a importancia de ciclos como Nexos, ao promover a análise profusa e o debate de temas de actualidade que interesan á cidadanía e fomentan novas e enriquecedoras perspectivas ás cuestións que se abordan.

Precisamente, a autora do coñecido libro ¿Dónde está mi tribu? Maternidad y crianza en una sociedad individualista, que vai xa pola súa novena edición, avoga por repensar o xeito dominante de crianza actual, na que advirte se está a adestrar os nenos e nenas para reducir o seu impacto na vida adulta; á vez que tamén se amosa crítica con aquelas políticas de conciliación que subordinan a vida reprodutiva á produtiva.

Tras o seu relatorio no Auditorio ‘Xosé Neira Vilas’ da Biblioteca e Arquivo de Galicia —e que incluíu como é habitual no ciclo un debate aberto de intercambio de impresións cos asistentes— deuse paso a intervención artística coa que se conclúe cada sesión de ‘Nexos’. Para esta ocasión, contouse coa Escola de Teatro Espazo Aberto que ofreceu unha ‘performance’ especial sobre o transcorrer do tempo na vida laboral e que contou coa actuación de Alicia Casas, Roi Fernández, Borja Limeres, Paula López, Yolanda Martínez e Alejandra Tomé.

Nexos Infantil

En paralelo a isto, celebrouse a sesión de ‘Nexos Infantil’ correspondente, na que a través do xogo traballouse coa conciliación pero desde a óptica dos máis pequenos e pequenas. Deste xeito, divertíndose e aprendendo axudóuselles a comprender as dificultades dos seus pais e nais á hora de equilibrar traballo e os seus coidados.

O obxectivo de ‘Nexos Infantil’ con estes obradoiros é que, á saída do ciclo, maiores e pequenos teñan reflexionado e aprendido sobre as mesmas temáticas, cada quen desde a súa perspectiva, para poder logo conversar de xeito interxeracional.

Banda deseñada e animación en Galicia

A seguinte sesión de ‘Nexos’ será o 24 de febreiro e nela analizaranse as claves da explosión creativa na banda deseñada e animación en Galicia. Para iso contarase con dous grandes en ambos eidos: Alberto Vázquez, director de cine, ilustrador e debuxante de cómics e Manuel Cráneo, artista multidisciplinar director da editora e produtora cultural Demo e creador da marca multiplataforma Planeta Mincha.

Ademais, este relatorio verase complementado cun orixinal e divertido Combate de debuxantes. Inés Casarejos, Guille Debelius, Xulia Pisón e Dani Xove poñerán a proba a súa pericia ante os desafíos e trasnadas que lles proporá Xaime Lis, mestre de cerimonias.

As entradas, tamén para a sesión de ‘Nexos Infantil’ correspondente, poñeranse á venda o vindeiro luns, día 29, tanto a través do Museo Centro Gaiás como en Ataquilla.com e cóntase con máis información polo miúdo en cidadedacultura.gal