Nexos: O trazo desatado. Banda deseñada e animación en Galicia

Hai quen sitúa a orixe da historieta nas Cantigas de Santa María, de Afonso X O Sabio, o que viría a suxerir unha certa predestinación da nosa terra cara a novena arte. De feito, o emblema intelectual do galeguismo, Castelao, foi un extraordinario autor de viñetas. En calquera caso, desde os anos 70, de Reimundo Patiño e Xaquín Marín en diante, fóronse xestando varias xeracións de artistas cun fabuloso talento creativo que asombrou ao mundo e que nos fixo merecedores de abundantes premios e recoñecementos, incluíndo varios Goyas de animación. Quizás sexa a disciplina artística na que Galicia máis teña despuntado en tempos recentes. Moitos dos nosos autores desenvolven carreiras de éxito en Estados Unidos, Francia e outros países, e a canteira semella garantida. Só nos faltaría consolidar unha industria que poida reter ese talento e xerar un foco de desenvolvemento cultural no país. 

12:00 | Relatorio: Alberto Vázquez. Director de cine, ilustrador e debuxante de cómics. Foi cofundador do selo editorial “Polaqia” e dirixiu o “Fanzine Enfermo”. Os seus libros foron editados en España, Francia, Italia, Brasil e Corea. No ámbito da animación conseguiu en 2012 o Goya á mellor curtametraxe por “Birdboy”, e en 2017 os Goyas á mellor película por “Psiconautas, los niños olvidados” e á mellor curtametraxe por “Decorado”. As súas pezas audiovisuais foron exhibidas nos festivais de Cannes, EFA Awards, Toronto, Annecy, Clermond-Ferrand, Animafest Zagreb ou Slamdance, entre outros. Obtivo máis de cen premios internacionais.

12:30 | Relatorio: Manel Cráneo.  Artista multidisciplinar. Autor dos álbums “Dámsmitt” (Dibbuks, 2006), “Os Lobos de Moeche” (Demo Editorial, 2009), “Cousas de Mortos” (Demo Editorial, 2012), “A Fraga Milmañas” (Demo Editorial, 2013) e “Destino Hërgüss” (Demo Editorial, 2015). A súa obra foi exposta en España, Portugal, Francia e Cuba. Entre outros, recibiu o premio Nacional de Cómic sobre Vida e Obra de Federico García Lorca. Foi presidente da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) e vicepresidente da FADIP (Federación de Asociacións de Ilustradores Profesionais). Na actualidade é director da editora e produtora cultural Demo e creador da marca multiplataforma Planeta Mincha.

13:15 | Combate de debuxantes. Catro debuxantes mozos (Inés Casarejos, Guille Debelius, Xulia Pisón e Luís Yang) poñerán a proba a súa pericia ante os desafíos e trasnadas que lles proporá Dani Xove, mestre de cerimonias e animador do combate.

 
Letras & Pensamento
 
25 — 29 Ago 2024
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 24 MAI
1 - 13 Xul 2024
Convocatoria pechada